O alumnado de Pin Factory prepara un desfile en Afundación
Como cada curso, a escola de deseño e moda Pin Factory prepara un desfile onde poder amosar con orgullo as pezas creadas polo seu alumnado. Este ano celebrarase, por vez primeira, na Sede de Afundación, o xoves 22 de decembro ás 19:30.
Unha ducia de alumnos e alumnas están diante do ordenador co Photoshop aberto, elaborando colaxes inspirados nas súas propias creacións textís. É a primeira vez que esta actividade se realiza na Sede de Afundación, e con este cambio a escola busca “que o traballo dos alumnos chegue máis xente e non se quede só nun evento familiar”, explica o profesor Guillermo Gómez.
Os alumnos de segundo curso crearán unha colección de catro pezas de temática libre, mentres que os de primeiro participarán cun só modelo seguindo o concepto de Metamorfose: “Queremos que a roupa sexa como un elemento orgánico que transforma á persoa, xogando cos volumes, formas, texturas… Non buscamos embelecer o corpo, se non crear novas formas que o distorsionen”, indica Gómez. En definitiva, fuxir da “humanidade” a través destas orixinais pezas textís.
A escasos metros da aula de ordenadores, no obradoiro de confección, a rapazada de segundo curso está a traballar nas súas prendas. Abundan os vestidos, pero cada un é radicalmente distinto ao do lado. Ao fondo da sala vemos a Míchel Silva medindo coa cinta métrica a súa peza, un vestido longo dourado. Conta que se inspirou na evolución da ave fénix, e cada estilismo representa as etapas da vida (e morte) deste ser mitolóxico: nacemento, vida plena, morte e resurrección. Este último, dun dourado intenso, é un vestido de festa de corte clásico, inspirado polo estilo parisino dos anos vinte do pasado século e polo lume da resurrección. Pola súa banda, Ana Lorenzo atopou no ciclo lunar a esencia da súa colección. Vestidos de estilo clásico e renacentista feitos a base de algodón, la, tule e brillantes. A alumna móstrase emocionada polo desfile, na que será a primera vez que mostre ao público unha colección propia.
O desfile do xoves 22 de decembro, que levará o nome de Sinergias, constará de dúas partes. A primeira estará protagonizada polas prendas de Moda Re-, unha iniciativa social impulsada pola Diocesana de Caritas Tui-Vigo que aposta por la reutilización de roupa e complementos en bo estado, a través da creación de emprego social, contratando a persoas que están en risco de exclusión social. A recaudación da venda destas prendas vai destinada integramente aos labores benéficos de Cáritas. O estilismo que lucirán os modelos correrá a cargo do alumnado de Pin Factoy, que poderán combinar de formas arriscadas, rechamantes e explosivas as prendas doadas por particulares e empresas. Acto seguido desfilarán as prendas do alumnado de primeiro e segundo. Pezas feitas de xeito artesanal, do mesmo modo que a alta costura.
Pin Factory é un centro de formación específica en estudos de Deseño de Moda e en todas as disciplinas que conforman o perfil profesional, técnico e creativo, máis demandado polas empresas do sector Téxtil e Moda. Unha aventura iniciada hai tres décadas como escola de corte e confección por Beatriz Novas, actual directora do centro. Mediante o desfile Sinergias pretende tender pontes con outras empresas e espazos da cidade, como Moda Re- e Afundación.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024