REVISTA MARZO

Afinidades Selectivas: alumnado e profesorado de Belas Artes aúnan forzas

Esta semana inaugurouse na Casa Galega da Cultura, situada na céntrica Praza da Princesa, a exposición Afinidades Selectivas: carótidas e coronarias. Unha mostra coral realizada man con man entre alumnado e profesorada da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Poderá visitarse ata o 9 de maio.

Banner A Movidiña

A sala de exposicións da planta baixa da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) acollerá ata o próximo 9 de maio a doceava exposición Afinidades Selectivas, que nesta edición leva como subtítulo carótidas e coronarias, unha referencia ás dúas formas de entender a creación artística: co corazón ou co cerebro. Esta dualidade é patente tamén no feito de que as obras expostas son un compendio de traballos realizados polos alumnos/as e docentes da facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro pertencente á Universidade de Vigo.

Unha boa forma de mostrar e partillar coa cidadanía no que se fai nas aulas e nos proxectos de investigación, unha das máximas desta universidade. Nesta XII edición participan Ruth Vidal, María Silva, Mar Román Soriano, Suso Fandiño, Araceli Liste, Julia Huete, José Chavete e o conxunto Rapapawn, formado por Cynthia Alfonso e Óscar Raña. Unha mostra ecléctica e variada comisariada por Juan Carlos Román Redondo, que mostra a infinidade de camiños que desde a universidade toma a arte e o sentir de nove artistas inseridos en oito proxectos.

Xa son 12 anos de colaboración entre o Concello e a UVigo neste proxecto expositivo que, en palabras de Natalia Caparrini, vicereitora de Captación do Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, trátase dunha “maridaxe perfecta entre profesorado e alumnado”.