Novidades musicais de marzo e abril na nosa cidade
A falta de shows ao vivo non consegue xerar apatía nos nosos músicos, nin moito menos. Os lanzamentos, xa sexa de cancións, vídeos, EPs ou discos non deixan de sucederse, polo que aquí vos recompilamos algúns deles para ir actualizando a vosa playlist de Spotify. Foto destacada: María Pol
BROKEN PEACH
Hai un par de semanas Broken Peach gravaron no Island Club un concerto no que tocaron de maneira íntegra o seu primeiro EP One, que inclúe as súas particulares versións e mesturas de temas tan coñecidos como ‘Crazy in Love’, ‘Wannabe’, ‘Everybody’ ou ‘Seven Nation Army’.
PABLO LESUIT
Novo xiro na carreira de Pablo Lesuit. Se en Belorizonte despregou un exótico abanico de sons latinos mesturados con pop actual, no novo tema ‘Hasta que me creas’ proba con novos estilos como o synth pop, introducindo elementos tan de moda agora como o autotune. O videoclip corre a cargo de Xaime Miranda.
DIOIVO
A finais de marzo saía Dioivo III, o terceiro EP desta banda de black metal melódico en galego. Este disco, gravado nos estudos Namek de Vigo con Manu de Taiga Dukha ao mando, ten un son máis crú e orgánico que o anterior. O próximo 8 de maio estarán presentándoo en directo na Sala Rebullón, cun aforo de 60 persoas e entradas desde 7€.
STOYKA
Tras varios anos de silencio, Stoyka despiden unha carreira dunha década con Awake the Fields. Gravado nos Estudios Dopplermedia de Madrid coa produción de Álvaro Souza, trátase de catro temas de neo-soul e indie con toques de jazz contemporáneo.
ADRIAN TIMMS
Tras finalizar de maneira exitosa a súa campaña de crowdfunding, xa podemos gozar do primeiro álbum de cancións propias do músico inglés afincado en Vigo, Part Won. Un disco a cabalo entre o folk de cantautor e o indie actual. ‘Dead Lines’, cuxo videoclip foi gravado desde o Galiñeiro tras os incendios de Vigo de 2017 pola realizadora Alba Escudero, é un dos temas que poderemos atopar no sue interior.
ÓSCAR AVENDAÑO
Tras telo gardado durante un lustro, Óscar Avendaño decidiu publicar este ano Perros negros, o seu último traballo en solitario acompañado por Reposado. Un disco que vai do rock ao folk, pasando polo country ou a psicodelia, que mantén a calidade á que nos ten acostumados o baixista de Siniestro Total.
LOIROS
A banda de psicodelia e rock alternativo Loiros presenta novo videoclip e inicia a última etapa de presentación do seu primeiro álbum homónimo, extraendo deste un último sinxelo: ‘PDC‘. A gravación levouse a cabo en directo e nun medio único, en plena natureza, acorde co son orgánico e luminoso da canción.
THE SOUL JACKET
A semana pasada publicaban o single de adianto do que será o seu quinto disco, Let Me Stand. Este Declaration of Intentions, con videoclip gravado na Casa de Arriba, é unha peza de country soul vitalista con ese selo inconfundible que lle aportan a todo o que pasa polas súas mans.
BATEA
Esta banda de folk rock nada no 2020 vén de publicar o seu álbum debut Tampoco somos los Rolling. Por tempo limitado poderás mercar este traballo en formato físico a modo de memoria USB con forma de mexillón envasado nunha lata de conserva. Guitarras distorsionadas mesturadas con gaita, frauta e violín son a seu sinal de identidade.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024