VIALIA
PLAYDOC

Novidades musicais para pechar 2023

O 2023 foi un ano do máis frutífero para a música galega en xeral e para a viguesa en particular. Vivimos a irrupción de Fillas de Cassandra, novos discos de pesos pesados como Iván Ferreiro, Sen Senra ou Siniestro Total; os debuts discográficos de Castillo, Visions of Johanna, Zalomon Grass, Mürt ou rArO; novos traballos de bandas como Caldo, The Riggos, Wöyza & The Galician Messengers, Los Marcianos ou Rebeliom do Inframundo e proxectos que pouco a pouco van asentándose na escena como Sanny, El último ciclista, Law, Carla Lourdes, Blue Unicorn, Michu da Rocha ou The Mirror. Para pechar este 2023 traemos unha última remesa de novidades de música local para desfrutar nestas datas.

El último ciclista | Cedida

CASTILLO

Un dos discos do ano é o debut de Castillo, proxecto persoal do vigués Luis del Castillo. Let the moon kill the sun é unha mestura única entre o rock alternativo dos noventa e o country folk acústico. Un disco conceptual arredor da loucura potente, delicado e cun son arrasador.

EL ÚLTIMO CICLISTA

Adianto do que será o primeiro disco de El último ciclista, proxecto do músico uruguaio residente en Vigo Gabrulo García. Segundo el, estas dúas novas cancións son como “un xeado de pistacho despois de cear paella: inesperado e marabilloso á vez”.

TREINTAÑERAS CAÑERAS

Unha das bandas máis divertidas e con máis marcha da cidade volve co seu característico humor ácido con ‘Babyexpress’, unha sátira arredor da xestación subrogada. Ademais da nova canción, crearon unha páxina web, babyexpress.es, onde podes mercar o bebé que máis che guste (mesmo hai modelos coa súa cara para crear ás mini-Treintañeras).

CHUNGO PASTEL FT. FILLAS DE CASSANDRA

Novo tema de Chungo Pastel dentro do Proxecto Somos da Fundación IgualArte en compañía de Fillas de Cassandra e Anxo Lorenzo. O tema está producido por Paco Serén (ex Piratas) e o videoclip, filmado en diferentes zonas do Morrazo, é obra de Santi Iglesias.

SANNY

A cantautora de indie folk Sanny publica Bedroom Folk, un EP de tres cancións que inclúe as versións acústicas de ’25’ e ‘Bird in a cage’, ademais dun tema novo: ‘Tempest’.

SINIESTRO TOTAL

Ano e medio despois de dicir adeus aos escenarios, a mítica banda Siniestro Total publica 40 años sin pisar la audiencia nacional, unha caixa de luxo con tres vinilos co concerto de despedida, as letras de todas as cancións, un libreto con fotografías e dous pósters. Iso si, o prezo non é para todos os petos: 100 euros.

FON ROMÁN

EnBlanco é un poema de Octavio Paz levado á música en 11 cancións, visuais e unha escultura cinética, cos que reivindico o poder dos espazos en branco, tan necesarios para crear”. Así explica Fon Román, ex integrante de Piratas, o seu novo traballo. O videoclip de Quique Roma é hipnótico.

TANGOMANGO

Tangomango é un dos novos grupos nacidos este ano en Vigo, aínda que neste caso son vellos coñecidos. Trátase dunha mutación de BlackStereo, coa suma de Antonio Monano ás teclas, pero con temas propios en castelán. O soul, o funk e psicodelia seguen a ser a base da banda. Dan o seu primeiro concerto o próximo sábado 30 de decembro no Sinattra Club.

STONED AT POMPEII

O trío de rock Stoned at Pompeii está a ultimar o lanzamento do seu segundo disco, e para iso requiren da axuda dos seus seguidores. Como era de esperar, o crowdfunding foi máis que ben: a máis de dúas semanas para rematar o prazo xa conseguiron a cantidade mínima para poder rematar a posprodución o novo álbum co nomeado aos premios Grammy Robin Schmidt.

SANTI ARAÚJO

No seu novo tema ‘Bailar’ Santi Araújo trasládanos, no aspecto musical, á bossa nova de Brasil, e no audiovisual aos karaokes de Xapón. Primeiro adianto do seu próximo disco, o segundo en solitario.

BLUE UNICORN

A Better Man é o segundo disco de Blue Unicorn, proxecto en solitario no que Pepe Ferrández (Dixie Town) se encarga de todo: composición, instrumentación, produción… Un traballo de blues e rock que trata dos temas importantes da vida: a morte, tempo, diñeiro, saúde e amor.

QUERIDO

Este verán fixéronse virais uns vídeos dun rapaz cantando no Náutico de San Vicente. Nun estaba coa súa banda e noutro cantando xunto a Leiva. Ese rapaz chámase Andrés e os que escoitaron cunha pouca atención non precisaron moito tempo para supoñer que se apelidaba Ferreiro. Querido é o seu grupo e acaba de publicar o seu primeiro sinxelo, ‘Al otro lado del Atlántico’.

MÜRT

Walk into the mist é o álbum debut de Mürt, banda de rock viguesa. Sete canonazos gravados por Sergio M. Puga e mesturado por Paco Loco.

KYOTTO

En novembro viu a luz Por si no vuelvo a casa de KYOTTO, un dos artistas urbanos de referencia en Vigo. En 2018 saltou á fama co seu sinxelo ‘My own’, que conta con máis de 35 millóns de reproducións.

THEE TUMBITAS

Con motivo do vinte aniversario da publicación do primeiro disco do grupo, o “Spooky Voodoo Blues” (Evil Baby Records), Thee Tumbitas publican para celebralo dúas novas cancións: “Twenty Years Beyond the Tomb” e “Electric Amorne of Fun”.

O CELTA SOMOS NÓS

Varios grupos de Vigo e peñas celistas publican O Celta somos nós, un recopilatorio de 13 cancións para celebrar o centenario do clube. Algúns dos grupos que atopamos neste disco son Keltoi!, Siniestro Total, Dakidarría, Tropa do Carallo, Dr. Cotomondongo&Metales Preciosos, Falperrys, Travesas City Rockers, Engra!, Thee Tumbitas e Residuos do Sistema. A metade das cancións xa estaban gravadas desde hai tempo, e as otras foron feitas a propósito para este tributo punrockeiro.

DENIS CARBALLÁS

O músico vigués, membro de The Riggos e Sanny, publica a banda sonora que compuxo para o documental O profesor, curta gañadora do II Desafío Audiovisual Illas Cíes.

CARLA LOURDES

Despois de superar con éxito o crowdfunding, Carla Lourdes publicou o primeiro adianto do que será o seu álbum debut.

VÉRTEBRAS

Vértebras son Ika Subversiva e Amari. Chegan desde Vigo coa vontade de remover o panorama do rap galego feminino. Vértebras son meigas (porque habelas hailas) que bailan, berran “e o cora axitan”. Que bulen porque o tempo vai moi a présa. Elas mesmas preséntanse así en ‘Moito Love’, un tema escrito e cantado integramente en galego, adianto do que será o seu inminente álbum de debut.

ROCKIN’ GINA

A tomiñesa Rockin’ Gina debuta en solitario cun novo single ‘You make everything better’, pertencente á súa nova colección de cancións “Love songs”. A balada lévanos a sons anellos e á sonoridade americana dos anos 50.

LOS MARCIANOS

REVISTA MAIO

Los Marcianos estrean o videoclip de “Esos pequeños días”, unha das cancións incluídas no seu disco Cápsula de evasión editado o pasado mes de abril. O vídeo, é unha gravación caseira, realizada pola propia banda nas rúas de Londres, pero que recolle á perfección o espírito da canción, con influencias de bandas británicas do que se chamou “son madchester”, e cunha letra que recolle o desencanto dos días grises nunha cidade que, ás veces, parece non ter alma.

GUILHERME ZAPATA

O músico vigués presenta o seu primeiro single ‘Tanto Ten’ no que xoga co groove e o soul en galego no que supón un adianto do que será o seu primeiro disco. Guilherme Zapata é un músico e produtor galego, cofundador de bandas como Bifannah, Mvnich ou Avispa. Despois de varias viaxes explorando o tropicalismo, a psicodelia e o art rock xunto, Zapata embarca nun novo camiño á procura do groove, das melodias e do soul que o fan tremer.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.