Nanomateriais a diario
Un micrómetro (μm) non é moito: é a milésima parte dun milímetro. Un cabelo humano, por exemplo, mide 70 micrómetros de diámetro. Así que non é doado imaxinar un tubo cun diámetro dun nanómetro (nm), a milésima parte dun micrómetro. Algo 70.000 veces máis fino que un pelo das nosas cabezas. Pero con tamaños coma estes fabrícanse, por exemplo, nanotubos de carbono ou materiais tan diminutos, que teñen propiedades da física cuántica. É un mundo moi pequeno que fai moi grande o noso día a día. «Temos nanomateriais a diario nas mans: nos teléfonos móbiles, nos ordenadores ou mesmo nos alimentos», explica o científico Miguel Spuch Calvar, do grupo de investigación TeamNanotech (TNT) da Universidade de Vigo. «Usámolos como catalizadores para obter enerxía, para aplicacións en medicina, en fotónica ou para crear superficies», enumera Spuch, que traballa no CINBIO, Centro de Investigacións Biomédicas cofinanciado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Hai nanomateriais onde menos pensamos. «Mesmo teñen usos como colorantes: o dióxido de titanio (TiO2) é a base da cor branca da maior parte das pinturas, e tamén se engade a certos alimentos, como as pastillas de chocolate M&M’s, para que teñan cores máis vivas», explica o devandito investigador, que traballou con óxidos de cobalto, de ferro e de silicio, materiais comúns que a escalas tan pequenas adquiren propiedades abraiantes. Por exemplo, facer superficies impermeables. Ou engadilos a un frasco de pementa para que non colla humidade. Ademais son inertes, non teñen ningún efecto sobre a saúde humana. Miguel Spuch estivo en Suíza contribuíndo á creación dun protocolo para identificar nanomateriais en produtos de uso cotián: «O óxido de silicio (SiO2) a escala nanométrica aparece, por exemplo, como absorbente dos raios ultravioletas nas cremas de protección solar», explica. «É importante que a sociedade sexa consciente que temos compostos nano en produtos de uso diario, e que aparezan nas etiquetas, aínda que as empresas comerciais temen que esta tecnoloxía poida ser mal percibida polos cidadáns».
A nanotecnoloxía promete revolucionar o transporte, facer mellores baterías ou disparar o rendemento das placas fotovoltaicas. Estará tamén na roupa que vestimos e nos novos tratamentos médicos a escala diminuta. «Pero todo isto quere o seu tempo e hai que seguir achegando cartos para a investigación básica», explica Spuch. Porque desde a Universidade de Vigo, os científicos do CINBIO traballan a diario para as cousas máis pequenas nos dean as solucións máis grandes.
Eduardo Rolland
Xornalista
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio de 2021. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- Actividades para celebrar o Día das Letras Galegas - 4 Maio, 2022
- Bouzas vístese de festa para o III Concurso de Decoración de Nadal - 30 Novembro, 2021
- Nanomateriais a diario - 6 Maio, 2021
- ‘Mulleres no foco’, os premios do audiovisual feminino - 31 Marzo, 2021