REVISTA MARZO

Xogos decisivos

Foto: Wim van ‘t Einde

A toma de decisións non é unha tarefa doada. Pero as matemáticas poden ser de moita axuda. Ese é o traballo de María Estela Sánchez Rodríguez, investigadora do CINBIO que, a través da teoría de xogos, estuda algoritmos que nos axuden a acertar cando estamos ante un dilema. Esta científica forma parte do grupo de investigación SiDOR (Statistical Inference, Decision and Operations Research), que traballa en problemas complexos para atopar as solucións máis beneficiosas. Un exemplo é o reparto das cotas de emisión de CO2 á atmosfera, decidido no cume do Clima de París en 2015. «As emisións teñen que baixar un 7,6 % cada ano ata o 2030 para podermos conter o quecemento global», explica a investigadora. E cal sería o mellor xeito para asignar unha cota para cada país? «Aí é onde entra a teoría de xogos, unha área da matemática aplicada que fabrica modelos para tomar decisións como estas», resume.

Banner A Movidiña
Modelo matemático

Un dos pioneiros desta nova matemática foi John Forbes Nash, Premio Nobel de Economía, nome coñecido baixo o rostro de Russell Crowe no oscarizado filme A Beautiful Mind (Ron Howard, 2001). Desde as súas propostas revolucionarias a mediados do século pasado, a teoría de xogos non fixo máis que avanzar; primeiro na economía, despois para analizar as tensións diplomáticas da Guerra Fría. Na actualidade encóntrase en todos os eidos da ciencia, desde a bioloxía, a computación ou a psicoloxía. Estela Sánchez pon outro exemplo da utilidade destes estudos: a distribución das vacinas da COVID-19. «O Goberno pode facer un reparto proporcional entre as comunidades autónomas, atendendo ao número de habitantes, pero pode haber outras fórmulas máis xustas e eficaces», explica a investigadora do CINBIO. «Traballamos con problemas complexos, con moitos xogadores, con diferentes variables… Case todo pode resumirse en modelos matemáticos», afirma. E os matemáticos aplicarán eses algoritmos no seu día a día? «Pois claro, por iso as matemáticas están de moda nas empresas: analizamos calquera problema para dar coa solución», presume ante o auxe desta carreira carente de desemprego.

Tomar a decisión correcta ten a súa ciencia e no CINBIO úsanse as matemáticas para dar no albo.

Eduardo Rolland
Xornalista