REVISTA ABRIL

Bouzas vístese de festa para o III Concurso de Decoración de Nadal

Ata o 21 de decembro está aberto o prazo para participar no III Concurso de Decoración ‘Bouzas no Nadal’, organizado pola Asociación Cultural da Vila de Bouzas. As fachadas do barrio vestiranse coas mellores galas para celebrar estas festas, fomentar as tradicións e transmitir o espírito do Nadal.

A Asociación Cultural da Vila de Bouzas organiza por terceiro ano ‘Bouzas no Nadal’, un concurso de decoración de fachadas coa temática destas festas. Este certame ten como obxectivo ‘facer barrio’, dinamizando a participación activa e a cooperación dos veciños e veciñas, así coma recuperar as nosas tradicións, fomentando valores locais. ‘Bouzas no Nadal’ aposta por unha decoración sostible, económica, ecolóxica e acolledora e fomenta o uso de materiais reciclables como recurso educativo para a cidadanía a través da transformación do espacio. Ademais, é unha boa forma de incentivar o consumo nos comercios e tendas locais. En definitiva, a Asociación proponse ‘facer do Nadal en Bouzas un Nadal máis sinxelo, entrañable e solidario’.

O concurso está previsto para que poida participar todo o mundo, establecendo dúas categorías de participación. Por un lado está o público familiar, é dicir, todas aquelas persoas que realicen seu montaxe decorativo no seu balcón, xanela, porta, fachada de casa ou xardín exterior. Por outro lado hai unha categoría para empresas, os comercios, locais de hostelería e servicios ou empresas privadas que decoren a fachada ou o escaparate do seu negocio situado en Bouzas.

Como condición para participar, as decoracións deberán ser visibles desde a rúa, e non poderán supoñer ningún perigro para a vía pública, debendo terse en conta as posibles inclemencias metereolóxicas. Naturalmente, a decoración terá que ter relación coa Festa de Nadal e os motivos tradicionais da mesma. Por último, engadir que a montaxe e desmontaxe dos elementos decorativos serán realizadas por cada participante.

REVISTA ABRIL

Os interesados en participar terán que enviar unha foto da súa fachada á Asociación Cultural da Vila de Bouzas, ben sexa por mensaxe de Facebook ou por correo a ac.viladebouzas@gmail.com. Os participantes deberán facilitar un teléfono de contacto para que a Asociación poda chamarlle e confirmar a súa participación e a dirección da decoración.

Xa está aberto o prazo para participar, que remata o 21 de decembro. As fachadas que queiran participar teñen que deixar a decoración posta como mínimo desde ese 21 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022.

O 8 de xaneiro publicaranse os gañadores de cada categoría e o domingo 9 será a entrega de diplomas e premios. Estes son donados por negocios de Bouzas, consistentes en productos ou servizos das propias empresas, co ánimo de fomentar o consumo local. Ademais, ao negocio ganador se lle entregará unha placa.

The following two tabs change content below.