UVIGO
FILLOAS

Arquitectura con moléculas

A natureza leva millóns de anos traballando para xerar compostos químicos que son bioloxicamente activos. Falamos de moléculas producidas por plantas, fungos ou organismos mariños que teñen propiedades que poden ser beneficiosas para o ser humano. Algúns destes compostos acaban tendo aplicacións en medicina, porque teñen virtudes antifúxicas, antiinflamatorias, antitumorais etc. O mellor de todo é que a ciencia aprendeu a replicar a arquitectura destas moléculas para crear compostos químicos artificiais, con aplicacións terapéuticas, que imitan esas substancias tan útiles xeradas pola natureza.

Un exemplo son os alcaloides, compostos químicos que conteñen nitróxeno nun sistema cíclico e que posúen grandes propiedades terapéuticas. «Temos, por exemplo, a morfina, un compoñente do opio utilizado como analxésico; ou a codeína, un antitusivo de amplo uso que tamén ten un efecto analxésico», explica a doutora Patricia García, que investiga no CINBIO, o Centro de Investigación da Universidade de Vigo cofinanciado polos fondos FEDER. Na arquitectura destas moléculas, con ferramentas de química orgánica, prepáranse en laboratorio estes compostos medicinais. «A síntese total de produtos naturais compárase decote coa arquitectura, xa que a partir de compostos sinxelos, tamén obtidos a partir de recursos naturais, pódense construír grandes infraestruturas moleculares mediante o emprego de diferentes tipos de reaccións químicas», explica a amentada científica, que traballa na síntese total de diferentes alcaloides con potenciais actividades biolóxicas. «A miña actividade principal consiste no deseño, sobre o papel, de rutas sintéticas para chegar a eles e na posterior posta a punto no laboratorio», resume. «Outro grupo de moléculas interesantes son aquelas que posúen un ou varios átomos de flúor na estrutura», explica a investigadora do CINBIO: «Estes compostos fluorados teñen aplicación en moitas disciplinas: descubrimento de novos fármacos, agroquímica (con novos funxicidas ou herbicidas) ou, a través de polímeros, a ciencia dos materiais», asegura.

E así, cando a química se encontra coa bioloxía, científicos como Patricia García fan arquitectura coas moléculas, enganchando os átomos en estruturas que acaban sendo fármacos para nos facer a vida mellor.

CAMELIAS NADAL

Vitoria Castro