Nace Rías Baixas Fest 2020, a trincheira cultural dos nosos festivais
A Deputación de Pontevedra, acompañada polos representantes dos diferentes festivais da provincia, vén de presentar Rías Baixas Fest 2020, un lema baixo o que o goberno busca demostrar o seu apoio incuestionable ao tecido festivaleiro, que resiste e pelexa por saír adiante.
Atlantic Fest, PortAmérica, Sinsal, Vive Nigrán, Revenidas, SonRías e O Marisquiño son os festivais que forman este novo Rías Baixas Fest 2020, que nace como forma de agrupar os diferentes eventos adaptados que realizarán todos estes nomes mentres dure esta nova normalidade. O que si confirmaron hoxe é que todos eles estarán de volta en 2021, sempre que a situación sanitaria o permita.
Agás O Marisquiño, que en principio non ten pensado programar nada ata a súa edición do ano que vén, os demais si parecen ter algunhas cousas entre as mans. Por exemplo o Vive Nigran, que este venres 17 e sábado 18 presentan a súa edición picnic con catro concertos: Anni B Sweet, Rufus T. Firefly, Villanueva e dani. As entradas xa están esgotadas.
Pola súa parte, os de PortAmérica subiron este mércores un adianto de Esa maldita felicidad, que ten pinta de ser un vídeo sobre o festival. Verá a luz o 23 deste mes. No Atlantic Fest, a falta de festival, programan un concerto de León Benavente o 29 de xullo no auditorio de Vilagarcía de Arousa.
Sinsal lanza a súa versión Litoral do 22 ao 26 de xullo, con concertos, andainas, coloquios e demais actividades repartidas por diferentes lugares da ría de Vigo. Na nosa cidade teremos unha andaina portuaria o sábado pola mañá, e no serán o concertos de Los hermanos Cubero nos asteleiros Cardama.
O Sonrías Baixas propón MicroSonrías, con concertos de Arco e Rayden en Bueu, o 31 de xullo e o 1 de agosto, respectivamente. Por último, o Revenidas traerá a partir de setembro Revenidas en conserva, do que non temos máis información que o nome. En todo caso, recoméndase seguir de preto as redes de todos estes festivais, porque seguro que nas próximas semanas haberá moitas novidades.
Outros festis galegos que teñen actividades programadas para este verán son o Resurrection Fest, cunha agrupación online de 13 festivais europeos de metal baixo o nome European Metal Festival Alliance, do 7 ao 9 de agosto; o 17º Ribeira Sacra, que realizará a súa edición nun formato con artistas da terra do 31 de xullo ao 2 de agosto; e o Barbeira Season Fest, que se celebrará o 19 de setembro en Baiona, cun cartel pechado pero “aberto a sorpresas”.