REVISTA ABRIL

Os artistas vigueses Villanueva e dani súmanse ao cartel do Vive Nigrán

O festival Vive Nigrán, que se celebrará nas Pistas de Tenis de Praia América os días 17 e 18 de xullo, completa o seu cartel coa presenza de dous músicos galegos, dani e Villanueva. Seguindo coas recomendacións sanitarias, a edición 2020 do festival será de formato reducido, pero non renuncia a ofrecer música en directo, bautismos en kayak e xornada de surf.

REVISTA ABRIL
dani

A pasada semana coñecíamos as intencións do Viva Nigrán de continuar co festival este ano facendo unha versión reducida do mesmo que chaman ‘Picnic edition’ e nunha nova ubicación: as pistas de Tenis de Gaifar. Ao memos tempo anunciaban os cabeza de cartel dos dous días que durará o festival: O venres 17 subirase ao escenario Anni B Sweet, para ofrecer o que será o único concerto que a cantante ofrecerá este verán acompañada da súa banda. Antes dela poderemos gozar de dani, aunha nova artista viguesa que acaba de presentar o seu primeiro disco, ‘Vinte’, hai só uns días.

Na xornada do sábado 18 chega o concerto de Rufus T, Firefly. A banda madrileña ofrecerá o seu cóctel de psicodelia, rock e pop. Previamente subirase tamén ao Escenario Vibra Mahou o galego Villanueva, con tres discos ás súas costas, cheos de rock con arranxos moi persoais. O cantante e guitarrista repasará o seu novo álbum, ‘Cuarto de invitados’.

Con estas incorporacións, o festival aposta por algúns dos artistas locais de maior proxección no panorama do pop independente. Esta cita coa música en vivo trasládase na súa cuarta edición do campo de Monte Lourido ao recinto das Pistas de Tenis en Gaifar, para ofrecer un formato máis acolledor e exclusivo, tamén a escasos metros da praia. Deste xeito, Vive Nigrán mantén a cita cos seus fieis nun formato máis reducido, e adaptándose ás circunstancias, reducindo os aforos e ofrecendo unha experiencia de música en vivo cumprindo todas as medidas sanitarias. Por iso, os espectadores deberán acudir ao recinto con máscara, e serán acomodados nos asentos que lles sexan asignados pola organización.