REVISTA ABRIL

Revenidas en Conserva, a opción ‘mini’ do festival para este verán

A organización do festival Revenidas vén de anunciar o aprazamento da súa 17ª edición, prevista para a segunda fin de semana de setembro en Vilaxoán de Arousa, ata 2021. Pero, si celebrarán ‘Revenidas en conserva’, un formato moi reducido de festival no que haberá concertos e outras actividades.

REVISTA ABRIL
Concerto de Zeltia na Chalusa durante a pasada edición do Festival Revenidas | Daniel Cruz

Ante a complexidade de levar a cabo un evento das características do festival Revenidas no 2020, a organización do festival vese na obriga de aprazar a súa 17ª edición, prevista para a segunda fin de semana de setembro en Vilaxoán de Arousa. Para poder manter o estándar de calidade que o Revenidas acadou nos últimos anos, non perder a súa esencia e garantir a seguridade de todas as persoas asistentes e traballadoras, o festival pasará a celebrarse os días 10, 11 e 12 de setembro do 2021.

As persoas que mercaron a súa entrada e queiran gardala para asistir ao festival no 2021 poderán facelo automaticamente, non será precisa ningunha xestión máis. Se, pola contra, alguén quere solicitar a devolución do importe do seu abono, poderá facelo ao longo de todo o próximo mes de xullo.

Aínda así, a organización do Revenidas non quere que este ano non exista un punto de encontro co seu público e, por iso, está preparando para o próximo mes de setembro un ‘Revenidas en conserva‘, un formato moi reducido do festival no que terán lugar concertos e distintas actividades gastronómicas e interdisciplinarias ligadas ao territorio, á tradición e á cultura mariñeira da zona.