CAMELIAS MASCOTAS

Nace ‘Coia o Caos’, a webserie viguesa máis canalla

O pasado venres estreose o primeiro episodio de Coia o Caos, unha webserie autoproducida e creada por Carlos Godoy, Ronaldo Cassiano, Suso Cortegoso e Manel Salgueiro. O barrio vigués e as súas xentes son os protagonistas desta comedia canalla con tintes de thriller criminal. Falamos con Carlos Godoy, principal ideólogo da serie.

Unha voz en off, cunha entonación propia da teletenda, fala das enormes virtudes do barrio vigués de Coia, mentres observamos algúns dos seus puntos máis recoñecibles: o parque da Miñoca, Plaza América, o barco Alfageme, o Alcampo. Xusto despois, unhas imaxes filmadas en super 8 hai tres décadas móstrannos a outra cara do barrio, famoso pola inseguridade nas súas rúas. Este é o comezo do primeiro episodio de Coia o Caos, unha webserie cómica autoproducida e creada por Carlos Godoy, Ronaldo Cassiano, Suso Cortegoso e Manel Salgueiro.

Carlos Godoy, Suso Cortegoso e Ronaldo Cassiano nunha escena de Coia o Caos | Cedida

Esas imaxes en Super 8 foron tomadas a finais da década dos oitenta polo propio Carlos Godoy e algúns amigos do barrio, que decididron alugar o aparello para filmar unha fin de semana de troula na que despedían a dous amigos que marchaban a Suíza. Coia, como é lóxico, cambiou moito nas últimas décadas: “Xa non existe esa depresión económica e social que había daquelas. Culturalmente tampouco había moito, malia algúns movementos underground. Era un caos, unha mestura de xente que viña de moitas partes e aínda non había ese ambiente de barrio. Tamén estaba o tema da inseguridade, debida en parte a que aquí pegou moi forte a droga nos anos oitenta. Agora mesmo Coia é un paraíso: ten zonas verdes, ben situado, cerca da costa…”, relata.

O xornalista Fernando Franco, na serie | Cedida

Se nada o impide, cada venres ás 12:00 do mediodía teremos en Youtube un novo episodio desta serie, que contará aproximadamente cunha docena de capítulos. O ideólogo principal desta tolemia audiovisual é Carlos Godoy, coñecido no mundo artístico como Rony Flamingo, quen quería homenaxear ao seu barrio de toda a vida: “Se podo, por que non o vou facer? Tiña a necesidade de facer algo polo meu barrio”, conta Godoy. En realidade, esta homenaxe non é só a Coia, senón a todos os barrios e as súas xentes, especialmente aos máis silenciados: “Os tres protagonistas son xente que poderías atopar en calquera barrio, con vidas difíciles, familias desestructuradas… Quería darlle visibilidade a esa xente”.

O actor Antonio Durán ‘Morris’, nunha escena da serie | Cedida

El mesmo forma parte do trio protagonista xunto a Ronaldo Cassiano e Suso Cortegoso. Tras a cámara, Manel Salgueiro é o encargado de inmortalizar as súas interpretacións. Godoy destaca algo curioso de Coia que tamén se pode extrapolar ao resto de Vigo: “Os de Coia sentímonos moi de Coia malia que moi poucos nacimos alí. Eu cheguei ao barrio aos dez anos”, explica. Sen dar máis pistas, o creador e actor dinos que a historia, pasada polo seu prisma de humor surrealista, está baseada en feitos reais, concretamente en algo que aconteceu no barrio hai 800 anos “e que moi pouca xente sabe”.

Os Calwarriors, inimigos dos nosos protagonistas | Cedida

Despois de máis de dous anos de traballo, Coia o Caos botou a andar en Youtube. Este proceso foi tan longo, sobre todo, pola ausencia de financiación: “Eu díxenlles ao resto que cartos non ía haber, pero si moitas risas, e sumáronse ao proxecto sen pensalo”, lembra Godoy. Cartos aínda non viron, pero si tiveron que gastar do seu propio peto para sacar adiante a idea. Chamaron á porta do Concello, pero non houbo sorte: “A todos lles gustou moito a idea e lles pareceu moi orixinal, pero as pelas non as soltaron”, explica. Eses cartos institucionais estarían dedicados a mellorar o produto final en cuestión de son, imaxe e efectos especiais.

REVISTA NOVEMBRO
Os dous protagonistas na busca de Tony Lomba | Cedida

Por diante da cámara de Manel pasan tanto veciños do barrio como moitas caras coñecidas: Antonio Durán ‘Morris’, Uxía Blanco, Fernando Franco, Arantxa Treus… A música tamén ten unha importancia destacada na webserie, tanto polos cameos dos artistas como pola banda sonora, que conta mesmo con varios temas orixinais creados específicamente para Coia o Caos. Indy Tumbita, Linda Lamarr, Eladio Santos, Toño López, Tony Lomba, Paulo Pascual, Coral Alonso, Óscar Avendaño ou David Vázquez son algúns deles.

Carlos Godoy non pode estar máis que agradecido con todos eles, veciños e artistas: “Para min é un orgullo que a xente do barrio apoie e participe no proxecto. Mesmo xente á que non coñezo deixounos gravar dentro da súa casa. A xente agradécenos que fagamos isto, ata me teñen parado pola rúa”, di.

Polo momento a acollida non podía ser mellor: “Está funcionando moi ben, estamos súper contentos. Todo o que recibimos é positivo; o único que nos din é que se lles fixo curto“, xa que o primeiro episodio, que funciona como introducción, só dura cinco minutos. O resto chegarán aos 20 minutos aproximadamente. De momento non teñen pensado facer ninguna presentación pública da serie, pero non descartan facela no futuro se ven que a recepción da xente supera as expectativas.

Linda Lamarr e Coral Alonso rezando | Cedida
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.