REVISTA OUTUBRO

Nace o censo da cultura viguesa

Desde hai unhas semanas circula polas redes sociais e os grupos de WhatsApp o ‘Censo Cultural de Vigo e Área Metropolitana’. O censo enche un baleiro que existía ata agora na identificación e cuantificación dos axentes da cultura na nosa cidade e proporciona información que ata o momento non se atopaba formalizada nin recompilada nun lugar único.

Adrián Callejo coa súa banda Nítido | Foto: Pablo Vázquez

A idea levaba flotando nas cabezas de cinco músicos vigueses durante algún tempo e o confinamento deulles o tempo e o escenario propicio para poñelo en marcha. Eles son Rafa Anido (Sr.Anido), Victor Vacaloura (guitarrista do grupo Os Vacaloura e Nítido), Macarena Montesinos (violoncellista), Adrián Callejo (cantante e músico en Nítido) e Xavier Bértolo. Os cinco foron os encargados de elaborar o cuestionario e administralo facéndoo chegar a cantas máis persoas mellor, pero aclaran que os datos que contén son responsabilidade exclusiva de quen os insire.

Bértolo anunciaba o nacemento do proxecto nas redes socias expresando que a súa intención é a de ‘coñercernos todxs os traballadorxs do sector cultural e que nos deamos conta da cantidade de proxectos da ostia que temos na nosa cidade’. Un censo sobre a economía creativa pode ser unha ferramenta útil na formulación de políticas que permitan xerar mellores condicións para os artistas, ou para fomentar o coñecemento e o diálogo entre os mesmos.

Todos aqueles interesados en formar parte deste padrón dos axentes culturais, poden facelo de xeito gratuíto enchendo este formulario. O primeiro que deberán facer é elixir unha das cinco categorías posibles: música, artes plasticas, artes escenicas, literatura e audiovisual, e indicar se desexan formar parte como individuo ou colectivo/proxecto. O segundo e último paso é encher un sinxelo formulario cunha breve explicación da actividade e os datos de contacto.

Desde a organización queren que os resultados sexan de dominio publico, e, aínda que de momento non se poden atopar en ningún portal web, si podemos ir botándolles un ollo neste link. ‘Calquera pode usalo para consultalo, programar, reunirse, etc….’, explican os seus promotores. De momento, o censo conta con 400 profesionais e proxectos.