VIALIA
bannerPicnicSesions

Nace Molotov, o novo templo da revolución cultural viguesa

A familia dos locais musicais de Vigo ten un novo membro. Molotov, situada no número 1 de Santiago de Vigo (ex-Ensanche e ex-The Village), abre as súas portas este venres 11, coa misión de convertirse nun novo templo cultural para a cidade, traendo un novo aire a este tipo de espazos. Albergará concertos, jam sessions, clubbing, festas, moda, exposicións, mercadiños e teatro.

Festa Overdose, organizada por Kaixo (á dereita de todo), na Sala Masterclub | Cedida

Esta nova sala con nome de diplomático soviético, de cóctel explosivo ou de banda mexicana é a última aventura de Kaixo, coñecido músico e axitador cultural local ao que antes puidemos ver detrás de Banana Bahia Music, Overdose ou Youcanthide, que aquí estará acompañado tamén por Paulo Ruiz e Luis Meijide. Segundo eles, “Molotov pretende ser o novo aire que respirar para varias xeracións de artistas que desde que comezou a pandemia viron como os espazos públicos e as salas cada vez limitaban máis os seus usos”. Isto convertirá á sala nun espazo aberto a todo tipo de manifestacións artísticas e de lecer, e contará cunha variada programación mensual na que se irán sucedendo concertos, jam sessions, mercadiños, clubbing ou artes escénicas.

A preinauguración será este xoves ás 22:30 da man de High Paw & Elephants Yard, con posterior festa. A inauguración per se será este venres 11 de marzo a partir das 21:00 cos DJ set de Chicho Selektor (mais coñecido como Ortiga), Sestelo (Akelarre, unha das festas máis rompedoras da cidade en 2019, que volta con Molotov), Zero Delay (nova promesa dentro da producción musical no ámbito da música urbana e o hyperpop), Kaixo e o set do novo UK-LA  punk de Goos Zeta. A partir da 1 da mañá é a quenda do novo club CHICHA no que partillarán escenario Ama Befana e seu directo de estética e códigos BDSM con trap e reggaetón, La Eterna co seu reggaetón industrial, convertida nos últimos tempos en unha das figuras mais importantes do panorama coa sua festa Booty Call (festa que tamén estará en Molotov a partir de abril), o os DJ sets de Flacu e Ariezzz.

REVISTA ABRIL

O sábado 12 as rapazas de Fuck This Studio farán un mercadillo de autoedición e roupa vintage a partir das 16:30, onde desfrutar dunha tarde entre amigas e amigos, cervexas e arte. Todo isto acompañados do DJ set de Baby Romeo e con opción de terraza. A partir das 21:30 haberá un concerto de Treintañeras Cañeras, trío de rock duro e letras acedas que presentará o seu álbum Música para el programa de Bertín Osborne. De seguido virá o after mercadillo á 1 da mañá, gratuito para quen fora á tardiña e recoller a sua invitación. Por último estará VVV (Trippin´you) co seu DJ set criminal.

Aínda que isto recén comezou e a programación aínda está no aire, xa se coñecen algunhas das actividades que teñen pensado levar a cabo neste novo templo underground. Dous mércores ao mes soará jazz no Molotov. Unha das noites cos mellores músicos do panorama local e galego, seguindo o ronsel de antigos locais do xénero como o Xancarajazz, ou actuais como A Casa de Arriba. O primeiro será o mércores 16 de marzo, co cartel aínda por confirmar. Os outros mércores (30 de marzo e 6 de abril) serán para dar paso a unha jam dirixida polos alumnos e alumnas de superior da escola Mayeusis, dando así un espazo de concerto en sala a novos artistas que teñen agora mesmo moitas dificuldades para desenvolver este tipo de actividades. Os xa mentados Elephants Yard, coa singjay High Paw ao micrófono, tamén gozarán dun espazo mensual para as súas jams, que antes ofrecían no malogrado El Contrabajo Club.

A moda tambén vai ser un punto clave do universo Molotov a partir de abril, pois organizarán unha actividade de showroom e pop-up mensual dedicada a novas e novos creadores de Vigo e Galicia, sen renunciar á xente que estea a innovar a nivel estatal e queira mostrar a sus coleccións na nosa urbe. O evento será dirixido por Fernando Rávade e David Serantes de Vigo Fashion Show, Abelo Valis e Carla Noor.


The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.