CAMELIAS MASCOTAS

Nace a plataforma Grupos en loita para demandar a reapertura de Vigosónico

Co paso dos meses, moitos dos espazos que no inicio dan pandemia se viron obrigados a pechar foron abrindo aos poucos: comercios, auditorios, salas de concertos, discotecas… Hai un, en cambio, que permanece pechado desde hai case dous anos e sen noticias dunha próxima apertura. Falamos de Vigosónico, as únicas salas de ensaio públicas e gratuítas da cidade tras o desmantelamento das situadas na Casa da Xuventude e no Castro. A plataforma Grupos en loita nace para denunciar esta inxustiza.

Concerto de Brainwave en Vigosónico, en decembro de 2011 | Cedida

Malia o escaso interese dos organismos públicos en potenciar a escena musical da cidade, Vigo continúa a ter un forte tecido artístico neste eido. Propostas e proxectos de todo tipo non deixan de xurdir a pesar das dificultades nunha urbe que non se entendería sen a súa música. A pandemia da Covid19 obrigou a parar o mundo en marzo de 2020, e o da cultura notouno de cheo.

REVISTA NOVEMBRO

Máis de 20 meses despois, as salas de ensaio e gravación públicas Vigosónico, localizadas en Valadares, continúan pechadas. A estas alturas, tras un Nadal hipermasificado e todos os establecementos abertos, a escusa da pandemia non se mantén por ningures. Podería ser algo anecdótico se este mesmo goberno non pechara nos últimos anos outras iniciativas similares como a de Súbete ao Castro en 2014 (por supostas humidades no local) e a Casa da Xuventude en 2017 (polo fin da concesión). Dous espazos, por certo, moito máis céntricos e mellor situados que os de Vigosónico, aos que só se pode acceder en coche ou mediante un insuficiente transporte público. Tendo en conta que gran parte dos seus usuarios son adolescentes sen carné de conducir, a localización deixa bastante que desexar.

En decembro de 2020 saía a noticia de que o Concello decidira non adxudicar o contrato de xestión de Vigosónico xustificando que era preciso implementar as medidas de seguridade sanitarias. Máis dun ano despois a situación é a mesma. Aos poucos días de saltar esta nova, recolléronse 1500 sinaturas para evitar o peche desta iniciativa pública, sen maiores consecuencias. Segundo traballadores deste espazo musical, en 2020 había 197 proxectos musicais inscritos.

Para denunciar estas inxustizas nace Grupos en loita (@gruposenloita), unha plataforma que busca dar voz a todas as bandas e artistas locais, moitos deles usuarios de Vigosónico. Demandan “unhas salas de ensaio públicas, gratuítas e accesibles a disposición de todas as músicas e músicos vigueses”, coa reapertura de Vigosónico “como mínimo”, sendo ideal tamén a reapertura do resto de espazos pechados nos últimos anos. Lamentan tamén “a perda de espazos de ocio e culturais para a mocidade e para a poboación xeral” e consideran o peche “totalmente inxustificado por criterios sanitarios, como amosa a actividade das salas de ensaio privadas e as públicas de moitos outros Concellos”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.