1.500 firmas contra o peche de Vigosónico
O local de ensaio público é unha das vítimas máis recentes da pandemia, logo de que o Concello decidise non manter o acordo que ten co espazo. Esta decisión deixa a unhas 90 bandas viguesas, na súa maioría formadas por adolescentes e mozos, sen local de ensaio. Unha campaña online está recollendo firmas pedindo a súa reapertura.

A través da plataforma Change.org, o usuario Angel G.G. iniciou hai dúas semanas unha recollida de firmas coa intención de levalas ao Concello e reclamar a reapertura de Vigosónico, un dos centros culturais máis importantes para a mocidade viguesa. Vigosónico é especialmente coñecido por poñer a disposición dos mozos entre 13 e 30 anos salas de ensaio gratuítas, nas que practicaron e naceron moitas das bandas que forman o rico panorama musical da nosa cidade e que hoxe en día acolle 90 formacións xóvenes.
O popular espazo de lecer e formación conta con cinco salas de ensaio equipadas con batería, amplificación e microfonía, unha sala para DJ e un estudo de gravación, así como diferentes espazos para xuntanzas e obradoiros. O seu peche supón un duro golpe para as bandas de adolescentes, que non poden permitirse o aluguer dunha sala de ensaio privada e que xa viron mermadas as súas opcións tras o peche do centro xuvenil do Castro hai seis anos.
Os motivos para non renovar o acordo entre Concello e Atlantic Ponte, a empresa xestora do espazo, achácase desde o cabido á imposibilidade de manter as medidas anticovid no espazo. O argumento é rechazado pola comunidade usuaria que, tal e como se expresa no manifesto exposto en Change.org, estiman que “hai maneiras e protocolos que poderían servir para seguir mantendo a actividade de VigoSónico, aínda que sexa con limitacións de aforo, ou algunhas restricións, pode crearse un plan de prevención que funcione” e apelan á vontade política para levar a cabo a batería de medidas que convertan o centro cultural nun espazo seguron e eviten o seu peche. A campaña xa 1.444 firmas, das 1.500 que se marcou como obxectivo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026
- ‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira - 8 Maio, 2026
- O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles - 29 Abril, 2026
- A Movida súmase á campaña Subscríbete ao galego, que agasalla dominio web e hosting aos novos subscritores - 29 Abril, 2026
- A loita pola información en galego: do ‘Tío Marcos’ a TikTok - 28 Abril, 2026

