As condicións de Vigosónico son peores que antes da reapertura
Os problemas entre o Concello e os usuarios de Vigosónico semellan non ter fin. Neste caso, a plataforma Grupos de Vigo en Loita denuncia “as lamentables condicións desta reapertura”, así como “o incumprimento de todas e cada unha das promesas que o goberno municipal fixo ás persoas usuarias”.

O pasado 19 de abril, o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico para o 3 de maio, logo de tela anunciado previamente para o 25 de febreiro. Por unha banda, a plataforma Grupos de Vigo en Loita denuncia que os recortes de horas son incluso maiores ca os prometidos. “Protestamos no seu momento contra a supresión dos vernes coa excusa do curso de Paideia a pesar de que no propio convenio coa fundación se indica que este non suporía perda de horas de ensaio”, pero agora engaden que “se reducen as quendas até o punto de eliminar case a metade de horas semanais”. Mellor en cifras: as salas de ensaio pasaron de estar dispoñibles 36 horas ás 20 actuais.
Por outro lado, o estado de material é, en palabras do colectivo de músicos, “pésimo”. A iniciativa formada por bandas emerxentes e usuarios de Vigosónico lamenta que o material segue a ser o mesmo que o da apertura en 2011, con amplificadores que non funcionan ou parches de batería rotos. As queixas van máis aló: consideran “dramático” o recorte do persoal (de catro traballadores a un só) e non comprenden a norma que obriga a renovar a inscrición cada tres meses, cando antes era de carácter anual: “Na práctica imposibilita calquera tipo de planificación a longo prazo da actividade da bandas, ante a incerteza de perder a nosa sala de ensaio”.
Grupos de Vigo en Loita non cesará de presionar ata conseguir unhas condicións dignas nun servizo público de grande utilidade para a xente nova e as bandas emerxentes. Malia o talento musical que vén demostrando Vigo nas últimas décadas, e especialmente en tempos recentes, o Concello parece non estar moi interesado en facilitar o camiño destes artistas, xa de por si complicado. Tras a suspensión de servizos que contaban con boa acollida, como Súbete ao Castro e a Casa da Xuventude, Vigosónico está a vivir un “desmantelamento” progresivo, que se suma ao case ausente apoio por parte do Concello á hora de programar concertos locais. O interese mostrado estas semanas por Abel Caballero nos concertos de Castrelos e Balaídos, non se traslada ás bandas viguesas, que observan desde a barreira como os cartos van dirixidos aos músicos de fóra, cando ambas propostas son compatibles.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025