Na beira do mar
Unha vez superada a confusión co coche de liña, por fin, cheguei ata onde quería. Aquí, na beiriña do mar, estase moi ben. A marea está baixa, o mar arrecende, e dígovos que xa sinto os efectos relaxantes deste marabilloso remedio para a angueira e a angustia das compras, das multitudes, das présas… é mellor esquecer iso por uns instantes. Son un insecto: as miñas relacións familiares cóntanse por milleiros e non vos engano, a miña afinidade coa tolemia comercial destes días redúcese ás miñas costas rubias. Vin ara aquí para deixar atrás a tensión, como atrás vai quedando a igrexa de Bouzas, desde cuxo campanario puiden apreciar ben a inmensidade do recheo que aquí se fixo, para o ben da economía local e non tanto para a preservación da identidade desta parroquia de pescadores. No entanto, hai moito do histórico concello de Bouzas entre o labirinto de vivendas de pouca altura que vou deixando á esquerda e que vén dar a este paseo marítimo por varias calellas, arrebolando un prodixioso cheiro a marisco ben cociñado e empanada.
Do lado do mar, como as augas están retiradas, inspiro forte os aromas que soben das praias do Adro, de Fontoura e da ponte e entretéñome a mirar as embarcacións que se deslizan por debaixo dela, ao tempo que as antenas me tremelican co eco que baixa dos camións industriais que atravesan a ponte por enriba. Todos eses barcos que vexo no molle de embarcacións tradicionais teñen nomes que descoñezo. Pagaría a pena unha visita. Pero vou ir proseguindo, que chama por min a paisaxe de breña e rochas que teño diante. Son augas pouco profundas e o azul que desprenden évos digno de admiración. Agora, dou con este muro de pedra altísimo vestido do verde do brión que o recobre e que agocha unha vivenda de extremo privilexio. Decídome a voar por riba desa muralla para matar de vez curiosidade: piscina, cancha de tenis, céspede ben atendido e centos de metros cadrados a carón do mar. E sigo, xa na rúa de Roade, que me trae a este pequeno bosque que limita nas praias de Alcabre, onde me deteño para encher o ventre de pulgóns. Non me xulguedes, é a miña comida, polo menos eu non lles boto lixo enriba. Estamos en época de encher o bandullo e eu non gosto dos froitos do mar.
E xa coas forzas renovadas, bulo cun voo baixo ata a beiramar, poño o piloto automático, cerro os ollos e déixome arrolar polo son das ondiñas que veñen morrer a estes remansos de area: a praia de Carril, a praia de Santa Baia e a praia do Cocho. Intúo muxos, pintos e maragotas deslizándose na auga debaixo de min e… ¡paf!, bato coa fachada leste do Museo do Mar. Estou ben, non vos preocupedes. Iso si, xa vos deixo que se acaba de abrir a porta e quero mirar a exposición actual, Gotas de agua con Granell, para enchouparme na súa beleza. Facede coma min, vide relaxarvos á beira do mar. Feliz solsticio, bo Nadal, e boas festas!!!
Xoana
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de decembro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Maruxa Gesto
Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)
- Sipi Nopi, roupa colorista e sostible elaborada en Cangas - 10 Marzo, 2022
- Fotografía ‘newborn’ con Diego Gómez - 10 Marzo, 2022
- Progresa, a saúde no centro - 10 Marzo, 2022
- Loli Francos, o coidado dunha mesma - 9 Marzo, 2022
- Vigoentrena - 9 Marzo, 2022