‘Mulleres no foco’, os premios do audiovisual feminino
A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) presentaron onte os I Premios ‘Mulleres no Foco’ para visibilizar e poñer en valor o traballo das mulleres do audiovisual da provincia e de Galicia. O acto, enmarcado na programación do #8M con “Reivindicando desde o Cinema”, contou tamén coa actuación de Su Garrido Pombo. A partir do mércores 31 de marzo ábrese o prazo de presentación de candidaturas para a primeira edición destes premios.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou o pasado martes, 30 de marzo, os I Premios Mulleres no Foco, en colaboración coa presidenta de CIMA, Cristina Andreu e Chelo Loureiro, a súa representante en Galicia. O acto de presentación, celebrado no Pazo Provincial, estivo ambientado con escenografía cinematográfica: butacas, focos e mesmo unha alfombra vermella. Ademais, contou coa actuación da cantante e compositora galega, Su Garrido.
‘Mulleres no Foco’ persegue catro grandes obxectivos. O primeiro é recoñecer a traxectoria de todas as mulleres do audiovisual e achegar o seu traballo á sociedade co propósito de que sirvan de referentes para as próximas xeracións. Os premios buscan tamén visibilizar o traballo de todas esas mulleres que non aparecen nos medios de comunicación. Ademais se quere poñer en valor o traballo da muller no audiovisual galego, tal e como se amosou nunha peza proxectada ao inicio do acto con anacos de filmes e curtas dirixidas por galegas. Por último, con ‘Mulleres no Foco’ a Deputación de Pontevedra e CIMA demandan todas as historias que quedan por contar.
Con este certame búscase premiar e visibilizar a activistas polo recoñecemento da muller no sector audiovisual, impulsoras do emprego feminino, perfís con perspectiva de xénero, o talento e a traxectoria de todas as mulleres que se dedican a este sector en todas as súas vertentes. Como dixo Chelo Loureiro na presentación,“nesta última década están agromando un montón de mulleres novas que finalmente se deron conta de que podían facer audiovisual porque tiñan referentes e por iso é moi importante a creación deste tipo de premios”.
O mércores 31 de marzo dá comezo o prazo para enviar as candidaturas para participar na primeira edición deste certame. Haberá tres galardóns de 3.000 euros cada un e unha vez que o xurado teña decididas ás gañadoras, a Deputación organizará unha gala de entrega dos premios.
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- Actividades para celebrar o Día das Letras Galegas - 4 Maio, 2022
- Bouzas vístese de festa para o III Concurso de Decoración de Nadal - 30 Novembro, 2021
- Nanomateriais a diario - 6 Maio, 2021
- ‘Mulleres no foco’, os premios do audiovisual feminino - 31 Marzo, 2021