VIALIA
PLAYDOC

O Desafío Audiovisual Illas Cíes busca fotógrafos e videógrafos para realizar unha residencia creativa no arquipélago

O Concello de Vigo busca cinco proxectos de vídeo e cinco de fotografía que retraten a esencia das illas Cíes. Os participantes seleccionados pasarán tres noites no arquipélago en setembro e recibirán un pequeno orzamento para levar a cabo os seus proxectos.

Gravación dunha das curtas da segunda edición

A Candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, impulsada polo Concello de Vigo, continúa coa labor de vincular as Illas Cíes coa arte e a creatividade lanzando a terceira edición do Desafío Audiovisual Illas Cíes. O programa ten aberto o seu período de inscrición, no que poden anotarse profesionais e amateurs das artes audiovisuais ata o 4 de setembro.

De entre todos os inscritos, a organización seleccionará cinco proxectos de vídeo e cinco de fotografía para desfrutar dunha residencia artística nas Illas Cíes do 15 ao 18 de setembro. Tanto a viaxe, como a estancia, en tendas de campaña, como a manutención, corren a cargo do programa e os participantes só deberán levar a súa tenda de campaña e saco de durmir. Ademais, o Concello de Vigo fará unha aportación económica á produción das pezas de 1.100 € para as curtametraxes e 1.200 € para as series fotográficas.

REVISTA MAIO

Durante os tres días e medio de estadía no paraíso os equipos deberán filmar ou fotografiar, polo menos, o 90% das imaxes que formarán parte do produto final. Unha vez realizada a estancia nas Illas Cíes, deberán entregar as pezas definitivas o 15 de novembro de 2022. O axustado dos tempos fai que se trate dunha auténtica maratón artística.

O último paso será a exposición pública dos proxectos, que terá lugar na Casa das Artes a finais do inverno e que se inaugurará cunha gala na que tamén se proclamará o vencedor da categoría de vídeo, premiado con 800 €. Aquí podes ver a curta gañadora na segunda edición, o documental O Profesor, dos xornalistas de a Movida Paula Cermeño e Pablo Vázquez.

Na selección das pezas, realizada polos profesores da Universidade de Vigo Paulino Pérez e Jorge Lens, terán en conta a calidade artística e técnica da proposta, así como ao currículo dos seus autores. Por suposto, un dos requisitos fundamentais é que as Illas Cíes sexan parte intrínseca e escenario da obra. Os proxectos pódense enviar ata as 23:59 horas do 4 de setembro de 2022 á dirección de correo electrónico uneteaciespatrimonio@vigo.org. As bases poden verse na web da candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade.