VIALIA
bannerPicnicSesions

Muller, xa que logo, nai?

Unha muller é menos muller se non é nai? Unha nai é menos nai se mantén os seus comportamentos individuais? É lexítimo que a maternidade veña acompañada de mandamentos que van máis aló do incuestionable vencello do cordón umbilical? Intúense respostas practicamente automatizadas. O feminismo parece que xa é cousa de todas e todos e o discurso xa moi presente en redes sociais, en conversas amigables, presente nos conflitos familiares, na política e xa todos dicimos sen medo que queremos liberdade para as mulleres. Pero a cuestión non se debe limitar ás conversas. A realidade demostra que as mulleres seguimos sendo cuestionadas se non temos fillos. Baseándonos en feitos reais recentes, recollemos algunhas frases: «Para cando un pequerrecho?», «Váiseche pasar o arroz!», «Para cando o mozo?». O mozo! Claro, outra peza chave no esquema tradicional de parella heterosexual, monógama e con descendencia. As vellas consignas seguen aí porque agora, máis que nunca, o peso ideolóxico dunha xeración criada en ditadura férrea pesa, pesa moito. O certo é que cumprir co feminismo é moito máis difícil e menos común do que pensamos e quizais requira de menos verbas e de máis compromiso sincero. Revisar as prioridades, crer na igualdade e practicala, implica cambios en todos os ámbitos da vida e en todas as estruturas sociais e institucións. Así son as revolucións reais, van do pensamento á acción para facer persoas diferentes. Hai que aceptar o cambio. Entrementres, a loita continúa.

Tradicionalmente, o feminismo púxose en contra da maternidade. O mandato patriarcal de ter descendencia e o que esa descendencia supoñía (basicamente, renunciar a todo) non era aceptable. Talvez esa era a maior ameaza contra as aspiracións de liberdade e igualdade. Moitas mulleres se sentirían apreixadas na escravitude de ser nais, no ostracismo de vivir por e para a descendencia. Unha morte da individualidade da muller durante xeracións. Unha morte en vida. Para calmar a lóxica reacción das mulleres sublevadas verbo seu sacrificado rol na maternidade patriarcal, o sistema ilustra o panorama con propaganda onde todo é amor entre mamá e bebé. Anuncios onde a mamá está sempre perfecta. Publicidade que converte á mamá en superheroína. Escenas onde a mamá non sabe parar de sorrir. Cando as que sabemos o que é parir, coñecemos ben o desafío emocional que supón a maternidade, que nos axuda a mandar a paseo as parvadas coas que nos vén a xente. Sendo conscientes disto, non é complicado entender que a renuncia á maternidade fose unha das máximas dos primeiros feminismos.

Pero o certo é que traer criaturas ao mundo é unha cuestión entre mística e vital, e resulta de máxima relevancia. Hai apoderamento na posibilidade de ser nai de acordo cos principios de cada muller. O apoderamento de poder decidir como queremos que sexa o parto, o puerperio, a crianza e a educación no apego e o amor maternais. Así si, moitas mulleres queren ser nais. Nais que non deixan de ser mulleres. Esther Vivas lémbranos que o feminismo ten unha débeda coas nais, defendendo de igual maneira a liberdade das mulleres de ser ou non ser tal. No seu libro Mamá desobediente, a devandita autora secciona dificultades e dilemas morais da maternidade e chega á conclusión de que dar as costas á felicidade da nai e dar as costas á felicidade da prole. O feminismo inclusivo e non excluínte que promove reflíctese na conta de Instagram @esthervivasesteve, en frases como: «Xa basta de preguntar ás mulleres para cando os fillos», «O problema non é a maternidade; é o patriarcado e o capitalismo», «[como] Ser nai e feminista». Unha liña de pensamento de Vivas é a íntima relación entre a felicidade dun fillo e a felicidade da nai: a autora defende un feminismo que defenda a infancia, porque sabe que o vínculo emocional é tan estreito que non é posible o benestar dunha parte sen o da doutra. Esta realidade é outra panca de presión e violencia contra as mulleres, que queda patente en cuestións como a violencia obstetricia e a violencia vicaria.

REVISTA ABRIL

Hai máis voces que se alzan ao respecto. Laura Baena, líder do movemento de @malasmadres, decidiu nun momento da súa vida que a maternidade imposta pola sociedade non era para ela. Tivo que renunciar a varias cousas e volver empezar profesionalmente. A inxustiza de ter que recomezar camiños unha e outra vez, de ter que facer esforzos inxentes só por ser muller, levouna a crear este movemento que pon de relevo o traballo reprodutivo realizado polas mulleres e esixe compensacións que procuren equidade laboral entre homes e mulleres, que fagan reais as ínfulas de conciliación e progreso en igualdade que tanto se aireaban antes de que a pandemia as botase por terra. Fai falta máis ca iso, porque cun ton satírico, irónico e amoroso, amosa o tremendo número de situacións complicadas ás que están sometidas as madres polo feito de ser, ademais, mulleres traballadoras e con necesidades individuais. Así, consegue facer presión nas institucións, tamén coas súas aparicións nos medios de comunicación. Cómpre unha visita á súa páxina web para coñecer un pouco máis de preto o labor da asociación que promove, que ademais conta cunha liña de produtos ben interesante.

As mulleres temos dereito de individualidade. É necesario desvincular os termos muller e nai e ter a posibilidade de decidir con independencia o que significa ser unha cousa e a outra. Moitas mulleres non están interesadas na maternidade. Outras teñen dereito a decidir cando e como queren ser nais. As mulleres temos que decidir que tipo de mulleres queremos ser, sen que iso afecte os nosos dereitos individuais.

Maruxa Gesto
Redactora

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)