CAMELIAS MASCOTAS

Monster Rock e Naviland, dous musicais para gozar en familia

O teatro García Barbón acollerá nos próximos meses dous espectáculos dirixidos ao público infantil para gozar en familia no Samaín e no Nadal.  Son Monster Rock e Naviland, e terán lugar os días 31 de outubro e 3 de xaneiro, respectivamente.

Aproveitando as festividades do Samaín e do Nadal, Sketch Eventos trae a Galicia dúas obras cunha temática que se adapta á perfección a cada unha desas datas. A primeira é Monster Rock: Unha historia musical terrorífica o día 31 de outubro e a segunda Naviland: O lugar onde viven os Reis Magos, o 3 de xaneiro do 2019.

Monster Rock é máis que un musical infantil, é un evento familiar no que celebrar o Samaín acudindo a un espectáculo distinto e divertido. Porque aínda que os protagonistas sexan momias, pantasmas, vampiros ou homes lobo, é un musical de humor a partir dos 3 anos. Como elemento a destacar, recoméndase a pais, nais, nenos e nenas vir disfrazados de Halloween para axudar entre todos aos monstruos a non ter medo da escuridade. Podes adquirir as entradas premendo aquí.

REVISTA NOVEMBRO

O segundo espectáculo será Naviland, un musical que ten como protagonistas aos Reis Magos de Oriente. A obra representará un lugar chamado Naviland, no que habitan os Reis Magos, ao que só se pode chegar a través dos soños. A protagonista, ao ter de todo na súa casa, non quere escribir a carta aos Reis. Este espectáculo trata de poñer tres temas en valor: a familia, o respecto aos maiores e a solidariedade cos máis necesitados.

Recomendado para crianzas maiores de dous anos, este evento ten un carácter moi solidario, xa que está patrocinado pola asociación Crecer Jugando baixo a campaña Un juguete, una ilusión. Desta forma, na entrada do teatro haberá unha recollida de xoguetes que, ao rematar a xira, repartirán entre os nenos e nenas que máis o precisen. Ademais, unha porcentaxe das entradas irá destinada a persoas con síndrome de down.

Por se fora pouco, Naviland contará cunha app propia que estará dispoñible a partir do mércores 10. Nela os máis pequenos poderán gozar con diferentes xogos interactivos solidarios nos que ir aumentando de nivel. Ademais, ao entrar no espectáculo cada espectador recibirá unha carta para entregar aos Reis ao final da obra, cun código QR para descargar a app xa mencionada. Por último, os Reis Magos visitarán hospitais dos lugares nos que teña lugar o musical. Podes conseguir aquí as entradas.