CAMELIAS MASCOTAS

Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo

Miss Toxo é unha mestura entre feminismo e haterismo. Unha alianza que descubre a naturalidade de quen vive o natural da vida como as novas relacións que se dan con aplicacións como Tinder ou o empoderamento da muller. Unha converxencia, tamén, entre o mundo rural e a cidade que se plasma nos deseños de Carla Avión, a persoa que está detrás da persoaxe. A Movida fala con ela, co gallo do Día das Letras Galegas, posto que emprega o galego para transmitir a mensaxe de igualdade, acompañada dunha ilustración.

Carla Avión é a persoa que se agocha detrás de Miss Toxo | Pablo V.

Miss Toxo é 50% haterismo e 50% feminismo… Isto é 100% toxo?

E que eu son así. .. Non quero enfocarme en facer Fridas ou facer Rosalías. O que quero é que sexa algo de aquí co de agora. Non quero explotar algo que é evidente que xa é feminismo. Quero reflectir as cousas que nos pasan no día o dia, como os desamores ou as relacións, o Tinder… quero evitar o comercial. Pero si que intento ser hater, claro.

Algunhas das protagonistas das túas ilustracións son mulleres rurais que aparecen empoderadas

E que a min lémbrame moito a miña nai. Intento usar mulleres da miña idade, pero tamén mulleres máis maiores, porque, realmente, foron elas as que empezaron todo isto. Quero imaxinar que elas serán así o día da mañá. Incluso, é unha visión de mi mesma dentro duns anos.

Por que decidiches mandar as túas mensaxes en galego?

Porque, a verdade, boto en falta que a min me educaran en galego. Ademais, hai uns anos, facendo un documental sobre a perda da fala en galego nos nenos cando chegan a escola, fun máis consciente. Entón, Miss Toxo foi unha forma de resarcirme a min mesma. Sobre todo por esa imposición ou educación de que “se te falan en castelán, tes que falar en castelán..” e aquí, en Vigo, sobre todo.

Unha das ilustracións de Miss Toxo, publicada na súa conta de Instagram.

Cal é o feedback que te chega por optar polo idioma?

Non perdo seguidores, pero non chego a un público máis amplo. Pensei en subir a mesma imaxe en galego e outra en castelán, como fai, por exemplo, Arte con M co inglés e co español, pero non é o mesmo. Hai cousas que, traducidas ao castelán, non se entenden nin fai a mesma graza. Aínda que é certo que, o día do traballador, unha seguidora catalá compartiu o deseño que fixen co motivo desde día. Entendo que foi porque “en loita” ten semellanzas co catalán. Incluso faloume e mandoume un audio e todo, entón, desde ese punto,  cheguei a ela. Pero se  sales desas fronteiras…

Empregar o galego neste eido está ben porque delimita o público. É dicir, o propio idioma xa define o teu público.

Entón, é unha vantaxe, non é?

Si, seguireino a facer así, pero é verdade que á hora de seguidores ou de traballos non se poñen en contacto contigo porque pensan que soamente o fas nese idioma e debería ser o contrario, xa que sabes un idioma máis.

Tiveches algunha ocasión na que perdiches unha oportunidade porque Miss Toxo sexa en galego ou viceversa?

Unha vez, uns noivos, que me falaron por unhas invitacións que, finalmente, non chegaron a nada. Non podo dicir certamente que fora polo galego, pero si que creo que puido frear. Sen embargo, outra marca que fan carteiriñas de coiro fixenlle eu o logo e creo que, precisamente, contactaron comigo porque emprego o galego nos deseños de Miss Toxo. Para unhas veces, si e outras non… Pero non é polo meu traballo é que o resto de publicacións non contan co galego para este tipo de cousas.

Como é a actualidade do deseño en galego desde a túa perspectiva?

Creo que moi pouca xente o fai, a verdade. No caso, por exemplo, de O Carallo 29, si que o fan. Aínda que comercial, si que reflicte o que pasa por aquí. Penso que hai moitos galegos que fan cousas moi boas, pero que non están explotando. Boto en falta que persoas que teñen moitos seguidores e unha plataforma potente non tiren máis disto.

Cales son as túas mensaxes, que queres trasladar?

Igualdade e que á xente que non esta aquí que lle lembre cousas, a morriña… Cando me vén a idea á cabeza, a deseño e a solto. A unión da cidade co rural e coas modernidades como a aplicación Tinder . Non empezou dunha forma premeditada, entón… Tampouco teño exactamente definido.

Ilustración que Miss Toxo deseñou para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

E como empezou?

Eu estaba no paro logo de deixar os estudos de moda e traballar nunha editorial, e comezou aí, case como unha broma… e coa broma van case dous anos.

A que rango de idade chegan os teus deseños?

REVISTA NOVEMBRO

A media está entre os 25 e 35 anos.  Pero non teño seguidores que están na ideade, de 18 ou 19, nas que se está formando a personalidade para calar a mensaxe. Miss Toxo cala, en xeral, nesa xente que xa está definida, que sabe o que quere e que entenden xa por onde van os tiros… Falta fomentar o galego e a cultura aquí. Falta vender máis a cultura galega.

Cal é o futuro de Miss Toxo?

Igual. Feminismo e haterismo. Ainda que ao mellor, a longo prazo, retomo o de facer camisetas. Volver a empezar, pero dun xeito máis ordenado. Con estructura de proxecto e que lle poida dedicar moito tempo. Estar 100% para iso.  

The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.