Marcos Domato, artesán das seis cordas
Nos últimos anos estamos a vivir un pequeno auxe da artesanía nas súas diferentes facetas. Un proceso que dá como resultado obxectos únicos, creados a base de talento, agarimo e moito tempo. Se hai un oficio que se caracteriza pola súa complexidade e pola duración do seu proceso creativo ese é o de luthier. Nun acolledor taller na rúa Gregorio Espino atopamos a Marcos Domato, un artesán especializado na creación e reparación de guitarras clásicas.
Na súa infancia, Marcos Domato gustaba de fedellar nos aparellos, montando e desmontando as súas pezas. Cos anos, foi adquirindo unha gran paixón pola música, especialmente pola guitarra, dedicando moito tempo a comprender o seu funcionamento e a súa composición. Neto de artesáns e fillo de guitarrista clásico, semella que estaba destinado a converterse en luthier.
Deu os seus primeiros pasos na Escola de Artes e Oficios da man do mestre Ramón Casal, cuxa xubilación desembocou nun parón indeterminado desta especialidade: “Agora mesmo só manteñen luthería de zanfona e gaita, pero extinguiuse a de corda pulsada ou frotada”, lamenta Domato. En 2015 comezou o seu camiño profesional neste oficio, fermoso pero á vez bastante descoñecido: “Eu son desa última onda de luthería moderna, pero a maioría de profesionais céntranse nas guitarras eléctricas, mentres que a miña especialidade son as clásicas”, explica. Con todo, Marcos tamén domina o eido das acústicas, eléctricas e mesmo baixos. Na súa opinión, a rama clásica “nunca deixou de perder profesionais, sempre houbo moitos luthieres traballando nisto”.
Ademais da elaboración de guitarras, proceso de mínimo mes e medio para o que emprega un enfoque científico e utiliza madeiras ecolóxicas de máxima calidade, Marcos arranxa e realiza labores avanzados de mantemento nos distintos instrumentos. Sobre este último tema vai ofrecer un obradoiro práctico os días 26 e 27 de febreiro no seu taller, onde os asistentes aprenderán a facer unha cejuela nova e un nivelado de trastes sen necesidade de ter coñecementos previos. Para máis información e reservas podes chamar ao 633098686 ou escribir a taller@mdomatoluthier.com. Este é o primeiro curso que realiza en Vigo, tras facer un na Escola Unitaria compostelá que gozou de éxito notable. A súa idea é continuar por esta senda didáctica, e mesmo ofertar a opción de realizar desde cero unha guitarra eléctrica personalizada. Haberá que estar atentos.
No apartado musical, Marcos é guitarrista e un dos vocalistas do trío de rock Ollo, Lóstrego!, formado a finais de 2019. Ata o momento só teñen tres temas publicados, mais outros cinco están no forno con intención de publicarse este mesmo ano. Por suposto, todos eles gravados con guitarras da súa propia colleita.
Marcos Domato Luthier | Avenida Alcalde Gregorio Espino, 58 | mdomatoluthier.com | taller@mdomatoluthier.com | 633 098 686 | FB: Marcos Domato Luthier | IG: @marcos_domato_luthier
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024