CAMELIAS MASCOTAS

Mañufe, Bembrive e Portonovo na rúa gañadoras do concurso de comparsas

‘Cun ás na manga’ da Asociación de Carnavales de Mañufe álzase co primeiro premio no concurso de comparsas do Concello de Vigo. ‘As Fofuchas de Bembrive’ e ‘Visitantes na rúa’ de Portonovo quedan en segundo e terceiro lugar.

Comparsas de Mañufe, Portonovo e Bembrive | Bea Barros

As personaxes da baralla de cartas española tomaron vida propia o pasado sábado no concurso de comparsas de Vigo. Foron unha das comparsas máis aclamadas polo público e agora tamén polo xurado do concurso, que acaba de concederlles o primeiro premio valorado en 2.500 €.

REVISTA NOVEMBRO

As Fofuchas de Bembrive destacaron pola súa alegría e colorido. A semana pasada explicaban para A Movida que levaban máis de 5 meses elaborando a carroza e os disfraces de maneira totalmente artesanal. Os principais ingredientes: moita cola branca, goma eva e grandes doses de imaxinación. O xurado concedeulles o segundo premio valorado en 2.000 €.

Tamén houbo alusións a televisión. A comparsa ‘Visitantes na rúa’ de Portonovo encarnou as personaxes da serie dos oitenta V. A súa posta en escena e interactuación co público chamou a atención dos espectadores. Tanto daqueles que recordaban a mítica serie como dos que non souberon identificala. Pola terceira posición reciben un premio de 1.500€.

Ademais dos premios principais, o Concello de Vigo outorgou un total de 14 accésits de 500€ que recalaron nas comparsas de Beirán, Freixo, Terra de Condes, As Marchosas de Arcade, Atlántida de Matamá, Beade, Fantaxeando de Ángela Torres Barcia, o Nautilius de María Luján Farrapeira Aguiar, Revolución Show de Tomiño, Fragoselo, Navia, Chegaron os que faltaban de Joaquin Cruz Vila, Valladares e os Vinciocas.