CAMELIAS MASCOTAS

Manuel Manquiña: “Empecei escribir monólgos grazas a Noites de Retranca”

Actor de cine, televisión e teatro, monologuista, cantante… moitos son os campos que manexa Manuel Manquiña sempre dunha forma “profesional, muy profesional”. Este sábado 11 ás 20:30 no Mar de Vigo tocaralle facer de mestre de cerimonias xunto coa súa banda Los Fabulosos Weekend no X Aniversario de Noites de Retranca, onde compartirá escenario con David Perdomo e Dani Mateo.

Manuel Manquiña, no centro, coa súa banda Los Fabulosos Weekend

Dez anos xa de Noites de Retranca. Que significan para ti?

Noites de Retranca é especial porque eu participei na súa primeira edición, o 10 de xaneiro de 2010 en Ourense, con Sergio Pazos e Javier Veiga. Foi curioso porque eu antes daquel show non escribira nunca monólogos, só fixera algúns no Club de la Comedia escritos por outros. Cando mo propuxeron dixen literalmente “pois non vai ser posible”, pero por este descaro que temos os actores aceptei o reto e púxenme a escribir un en colaboración con Zapirotes. A partir de aí levo todo este tempo facendo monólogos grazas a idea dos irmáns Segret, os creadores de Noites de Retranca.

Lembras cantas veces actuaches nelas?

Pois teño actuado con Rober Bodegas, David Perdomo, Luis Zahera, Mofa e Befa… Por dicir un número redondo, se digo unha ducia de veces seguro que non esaxero. Neste caso estarei como condutor e presentador da gala xunto coa miña banda, non tanto como monologuista.

Compartes cartel con Dani Mateo e David Perdomo. Que che parecen estes dous cómicos?

Aos monologuistas ocórrenos unha cousa curiosa, que cando fas un primeiro monólogo que marca moito é difícil desmarcarse del. David Perdomo tivo un gran éxito con El Coruño, polo que moita xente agarda ver iso, pero os monologuistas temos a necesidade de cambiar periodicamente de texto senón ti mesmo resultas aburrido. Xusto agora que me chamaches estaba a facer a introducción para David, que vai ir un pouco sobre o mundo dos enfadados: cos tertulianos, cos políticos, con Greta Thunberg, coa vida… O seu carácter sempre é de queixa, é un guerreiro. Dani Mateo ten uns recursos máis televisivos, está moi acostumado a facer crítica desde a tele ou desde a radio. Soen ser de temática autobriográfica, cousas absurdas das nosas vidas que ben contadas poden divertir moito ao público. É un humor máis comercial, no bo sentido da palabra.

Dani Mateo é o primeiro cómico non galego que actúa neste show. A que máis humoristas de fóra che gustaría convidar?

Hai moitos que me gustaría traer, como Agustín Jiménez, Quique San Francisco, Luis Piedrahieta, que é galego…

Comentabas antes que actuarás coa túa banda Los Fabulosos Weekend. Como xurdiu esta agrupación formada por músicos experimentados de Santiago?

Pois dunha colaboración con Chema, o guitarrista da banda e médico en Médicos Sen Fronteiras, que me pediu que fixera un monólogo nun festival da asociación. O evento non era moi axeitado para iso, nunha historia tan musical como esta o monólogo frea. Entón colaborei con eles (o grupo Extrema Urgencia), preparei un par de cancións e gustou. Desde aquelas colaborei varias veces con eles e despois xurdiu a posibilidade de fundar unha banda, sen histerias pero dedicándolle un pouco de atención. Estreamos fai tres anos na Sala Capitol e sen ningunha queixa, temos o calendario de actuacións como se fósemos un grupo profesional e non un afeccionado (risos). Temos un repertorio moi amplo e uns músicos que o executan á perfección.

Ultimamente é máis común verte nos escenarios con monólogos ou concertos que no cine. A que se debe isto? Non botas de menos a gran pantalla?

Estas cousas non as elixes. A última película que fixen estreouse hai un ano e goceina moito. Ti estás en televisión ou en cine na medida na que te chaman. Agora estou con concertos, monólogos e con teatro, son períodos. Non sei por que agora deume por voltar ao teatro, que o tiña abandonado desde había moitos anos. Dáme a sensación de que cando remate con Relatos Negros comezaremos con outra cousa. Os proxectos teatrais, musicais ou de monólogos podes poñelos ti en pé, nos outros dependes de que te chamen.

Este mes é a Gala dos Premios Goya, onde hai máis de 20 anos fuches nominado como Mellor Actor Revelación. Que lembras daquela época? 

REVISTA NOVEMBRO

20 anos xa? Madre mía… Pode ser que xa nacera o meu fillo Manuel daquelas, é posible… Si! Estouno a mirar aquí, que a miña muller empeñouse en colgar o diploma (risos). Bueno, eu creo que nós vivimos as cousas diferentes de como as lembra o público. Estou encantado con Airbag e co papel de Pazos, pero a xente ten unha lembranza del diferente da que teño eu. Nunca sabes que imaxe proxectas, porque estas metido dentro dun traballo no que tes certa responsabilidade: aprender o guión, preparar o personaxe… nunca sabes como vai quedar. Nunca teño a sensación de “isto vai funcionar” ou “isto non vai funcionar”. O outro día mandáronme un vídeo meu dunha película que non tivo moito éxito e ata me fixen graza a min mesmo, que é algo ben difícil. Vivo as cousas con paixón e entrégome ao traballo, pero tamén trato de vivilas cunha certa frialdade.

Tes algúns proxectos máis preparado para este 2020?

Non me apures tanto que un xa ten os seus anos e estou con música, con monólogos e con teatro. E se funciona, aínda que non depende de min, gravar unha nova tempada dos Mariachi. E como dicimos nós, estamos todos en plan mercenario, para o que te chamen. Teño os dous ou tres próximos meses cheos de cousas nos escenarios. Sigo esperto pero sen os agobios doutros anos, e creme que facer ben música, monólogos e teatro ocupa bastante tempo. O oficio de actor nunca pecha, sempre van facer falta persoas maiores facendo papeis.

(GMT+01:00) Mar de Vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.