VIALIA
PLAYDOC

Máis de 20 novidades musicais locais do último trimestre

Na praia, no monte ou dando unha volta pola cidade. Calquera momento é bo para poñer os auriculares e desfrutar das máis de 20 propostas musicais nacidas na nosa cidade nos últimos meses.

Santi Araújo | Santi González

FILLAS DE CASSANDRA ft. GALICIAN ARMY

O grupo revelación deste ano publicou a comezos deste mes unha canción que, avisamos, unha vez a escoites non vas poder parar de cantaruxar.

CASTILLO

Novo adianto do que será o primeiro traballo de Luis del Castillo. Mentres podedes velo tocando habitualmente no paseo do Náutico.

PABLO LESUIT

Pablo Lesuit fai equipo outra vez xunto a Sir Hope e Adrie metendo a un novo membro no mesmo, Pehuenche e o resultado é nin máis nin menos que un espléndido bolero a catro voces titulado ‘Caracas’.

LOS MARCIANOS

En abril Los Marcianos publicaron o seu terceiro disco, Cápsula de evasión. Unha colección de cancións escapistas, ideais para evadirche durante 42 minutos dos problemas cotiáns. O disco representa o mellor que ten o indie: guitarras sucias, melodías cheas de dozura, retrousos adictivos que convidan a cantalos moi alto e letras directas ao corazón.

FILLOAS

Proxecto fundado en 2021 por Iago Galego Ferreiro (O Filloas), un artista de pop-punk-urbano con electrónica de Coruxo, que ven de lanzar o seu segundo álbum de estudo: o segundo disco xd.

CALDO

O novo traballo discográfico do grupo, que viu a luz o 12 de maio, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. O trío esá fromado por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas.

CARLA LOURDES

A artista ponferradina afincada en Vigo estreou o 30 de marzo ‘Papel para Almodóvar’. A canción volve contar con Raúl Ben na produción, co cal leva facendo equipo artístico desde 2021. Escrita desde o despeito, a letra convida o empoderamento e ao autocuidado.

YOUCANTHIDE

Á espera do novo disco Youcanthide déixannos esta delicia titulada ‘Freedom’, un tema acedo que nos mostra de forma irónica a suposta liberdade na que vivimos, adornada de ansiolíticos, precariedade disfrazada de estilo de vida, corrección política e medios de comunicación disfrazando a realidade de propaganda, e de como está a influír nas novas xeracións presas dun discurso baleiro e dispostas a acabar con todo para atopar a verdadeira liberdade.

R.A.R.O.

‘Sandman’ é o primeiro sinxelo dunha serie de lanzamentos que r.A.r.O ten planeados para este 2023. Esteban Varela, compositor e produtor de Vigo, lanzou un novo e innovador proxecto musical chamado rArO. Neste tema combina xéneros como electrónica, pop, synthwave e indie.

MUNDO PRESTIGIO

A banda anteriormente coñecida como Jay, unha das máis orixinais e distintas do panorama local, publica este adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Actualmente tamén están a xirar como banda de directo de Carlangas, co que están a gravar novo material.

VISIONS OF JOHANNA

A banda capitaneada por Paul Clarke e Jorge Lorenzo compartiron o seu primeiro videoclip, ‘I can’t pretend anymore’, tema dispoñible no seu primeiro e único álbum. O vídeo está gravado no Mosteiro de Oia.

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS

O cuarteto vigués reinterpreta un clásico da música popular para Deleite. Un retrouso cunha letra coñecida por todos convértese nun rock and roll bailable e que contrasta á perfección coa estrofa. A banda respecta de xeito fidedigno e, como non podía ser doutra maneira, a melodía orixinal tan característica do tema.

CALLEJO

Adrián Callejo, líder de Nítido, vén de publicar dous temas neste novo proxecto que leva o seu apelido. O primeiro deles dedicado á súa cidade: ‘Vals de Vigo’. Pop melancólico con moita presenza de sintetizadores.

FORTUNATA Y JACINTO

Fortunata y Jacinto é un misterioso dueto afincado en Vigo de garage punk, que se divirte tocando rápido, con guitarras distorsionadas, órganos Hammond, e letras cheas de humor, sexo, festa e rock and roll. Seguen a senda dos pelotazos musicais dos Siniestro Total de Coppini, Bad Religion, The Hives ou The Fleshtones.

BUDIÑO

O músico e compositor Budiño publica Branca Vela, o seu oitavo álbum. Tras Fulgor (2018), onde destacou a súa faceta como cantante, busca “descolocar de novo” ao seu público cunha mistura entre a percusión tradicional e unha electrónica “orgánica”, todo isto combinado con algunhas das grandes voces do circuíto galego como son Guadi Galego, Leilía ou De Vacas.

STONED AT POMPEII

Primeiro adianto do novo disco da banda de rock Stoned At Pompeii.

DIOIVO

O dúo vigués de metal en galego vén de lanzar o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes. Como é habitual no grupo, o traballo inclúe diversas adaptacións de coñecidas obras da literatura galega, de autores como Darío Xohán Cabana, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén inclúe cancións con letras orixinais, sempre escritas en galego.

EXERIA

Grupo de grunge/rock 90´s en galego formado en 2021. O pasado mes de marzo publicaron o seu primero sinxelo, ‘Un novo nome’, acompañado dun videoclip dirixido polo artista multidisciplinar Wences Lamas.

WÖYZA & THE GALICIAN MESSENGERS

Hai un mes que se publicou o primeiro disco de Woyza & The Galician Messengers, unha nova aventura da polifacética artista que mestura soul, hip hop e folk galego.

MON BAND

Novo sinxelo de Mon Band, grupo liderado polo ex Lombardi Mon Cancela e producido por Sergio M. Puga.

SANTI ARAÚJO

Sesión intimista de Santi Araújo gravada na fronteira entre Galicia e Portugal. Nela interpreta un tema do seu último traballo, Suelta Ø Muerde, e unha versión do artista brasileiro Marcelo Camelo, ex membro de Los Hermanos e Banda do Mar.

C. TANGANA ft. AS LAGHARTEIRAS, KELTOI! E CORAL CASABLANCA

O agardado himno de El Madrileño para o centenario do Celta está a gozar dunha grande acollida entre os afeccionados celtistas e a prensa especializada. Poder ler aquí como foi o evento de presentación e que artistas galegos participaron na elaboración do tema e do videoclip.

SEN SENRA

O músico de Forcarei, que viviu e medrou musicalmente en Vigo, é posiblemente o noso artista máis existoso a nivel estatal. Recentemente publicou un novo disco, PO2054AZ (Vol.I).

ANXO ARAÚJO

REVISTA MAIO

O artista pontevedrés, cuxa banda está formada por músicos vigueses, lanza un novo sinxelo de adianto do seu segundo disco.

LAW

Law, cantante do barrio de Coia, publica primeiro adianto do seu EP debut que verá a luz no outono de 2023. Unha canción que aúna influencias do R&B, o hip hop e o soul, e integra elementos propios da música latinoamericana e xaponesa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.