VIALIA
PLAYDOC

Carlangas leva ao PortAmérica o seu rock verbenero sen complexos

Carlos Pereiro, musicalmente coñecido como Carlangas, afronta a súa cuarta vez no festival PortAmérica este sábado 15. Pero esta ocasión ten algo de diferente: xa non estará acompañado polos seus colegas de Novedades Carminha, senón que presenta o seu proxecto en solitario. Falamos co músico de Monterroso desta nova aventura, de verbenas e do novo himno do Celta. Merca aquí as túas entradas.

Carlangas con Novedades Carminha no PortAmérica en 2021 | P. Vázquez

Primeiro Nigrán, despois Caldas de Reis e hai un par de anos Portas. Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, xa actuou nas diferentes ubicacións do festival PortAmérica ao longo da súa historia. A diferenza das outras veces, este sábado non fará acto de presenza como Novedades Carminha, senón como Carlangas. Iso si, que o proxecto sexa en solitario non implica que vaia estar só sobre o escenario. A banda viguesa Mundo Prestigio, alcumada nesta aventura como Los Cubatas, exercen de escudeiros nesta nova xesta do lucense afincado en Madrid: “Estou moi confiado. Temos todo moi atado e mesmo xa estamos a traballar en novas cousas”, comenta.

O seu primeiro traballo homónimo, lanzado en abril deste ano por Ernie Records, está a ter moi boa recepción tanto da crítica como do público. O primeiro que chama a atención é o seu eclecticismo salvaxe: rock, electrónica, hip hop, cumbia, mestizaxe… todo isto en tan só 23 minutos de duración: “Está concebido como unha mixtape, estas cintas de casete nas que gravabas temas que che molan. Podería ter metido máis temas, pero creo que así quedou ben pechado”, explica. Carlangas considera este álbum un traballo de “transición absoluta” no que atoparse, situarse e, a partir de aí, saber cara onde avanzar no futuro: “O seguinte disco vai ser moi diferente, máis uniforme”, engade.

REVISTA MAIO

Outra das sorpresas de Carlangas é a colaboración con Manu Chao na canción ‘Cae la noche’: “Para min é un soño, un agasallo que me fixo a música. A través dun amigo en común mandeille unha carta contándolle os nosos referentes en común — rock, música latina, verbena…— e parece que lle gustou porque dous anos despois chamoume cando veu a Santiago e puidemos facer isto”, relata.

Outra das ocupacións de Carlangas no último ano foi a gravación do podcast, ou documental sonoro como gustan chamarlle en Sonora, Verbena, onde relata as luces e sombras deste fenómeno tan popular en Galicia: “Foi unha investigación de moitos meses cun equipo moi potente. É algo que me toca moi de preto porque é parte da miña raíz e da miña cultura. Era algo que estaba por contar”, di o músico. O que máis desfruta do mundo da verbena é a mestura de estilos musicais e xentes “de diferentes idades e clases sociais” que se reúnen na praza da vila.

O pasado mes de abril, nunha entrevista promocional do novo disco, Carlangas comentou que falara con C. Tangana sobre o himno que daquelas estaba a facer para o Celta: “Paréceme ben que os artistas colaboremos cos equipos que nos marcaron porque ao final é algo que nos emociona. Víaselle moi contento”, dixo daquelas. Agora, tras escoitar o tema: “Encantoume e o vídeo paréceme incrible. Non volvín falar con el porque isto foi hai nada, pero doulle a noraboa porque ademais emocionou a moitos celtistas que é do que se trataba. Chegou a tope e estamos os celtistas de subidón”, conclúe.

Carlangas con Novedades Carminha no PortAmérica en 2021 | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.