VIALIA
PLAYDOC

Luz Casal, Lola Herrera, Rodrigo Cuevas e Berto Romero visitan o teatro Afundación este outono

O Teatro Afundación de Vigo acollerá este outono unha completa oferta de propostas culturais composta por teatro, música, maxia, ballet, ópera e moito humor. As entradas están á venda en Ataquilla.com.

Códice K | Foto: Aigi Boga

Luz Casal, Lola Herrera, Carlos Núñez, Carlos Blanco, Faemino y Cansado, Carlos Sobera ou Berto Romero son algúns dos artistas que estarán sobre as táboas do emblemático teatro de Policarpo Sanz entre setembro e decembro.

Teatro

Tras a paréntese estival, a actividade do Teatro Afundación renovarase o próximo 9 de setembro coa proposta teatral Códice K, unha comedia sobre o roubo do Códice Calixtino. A programación escénica continuará o 30 de setembro con Sibaris, a única obra de teatro escrita por Domingo Villar, que se publicará postumamente este outono, e que no escenario protagoniza Carlos Blanco.

O 19 de outubro iniciarase a tempada de teatro de outono con Equus, de Peter Shaffer, unha xoia da dramaturxia universal dirixida nesta versión por Carolina África. A seguinte cita da tempada teatral chegará o 25 de outubro con Miles Gloriosus, unha das obras máis coñecidas do dramaturgo latino Plauto adaptada por Antonio Prieto e protagonizada por Carlos Sobera. O 21 de novembro poderemos ver Un Oscar para Óscar, unha homenaxe ao estilo de Miguel Mihura combinado co espírito de Luís García Berlanga.

A seguinte semana, o 29 de novembro chegará El librero de Azaña de Miguel Murillo Gómez, unha aproximación á figura de Manuel Azaña dirixida por Francisco Suárez e protagonizada por Jacob Dicenta, Ana Fernández, Juanma Navas, Alberto Luceiro e Isabel Moreno. A tempada que terá como broche de ouro a Lola Herrera como protagonista de Adictos, unha obra dirixida por Magüi Mira que aborda o contexto actual de «sometemento tecnolóxico» e a capacidade de reacción do ser humano para recuperar a liberdade.

Música

As propostas musicais do outono comezarán o 6 e 7 de outubro con dobre recital de Luz Casal, que regresa cun novo disco, Las ventanas de mi alma, o máis persoal e autobiográfico da súa carreira. O 15 de outubro, a Asociación de Amigos da Ópera levará ao Teatro Afundación Il trovatore, de Giuseppe Verdi.

O 18 de outubro iniciarase unha nova Tempada de Clásica coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Joana Carneiro. A tempada continuará o 23 de outubro coa El Ayre Español con obras de Purcell, Corelli, Domenico Gabrielli e John Blow.

O 26 de outubro, Iván Martín dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia, co Concerto para piano número 1 en mi menor e o número 2 en fa menor de Chopin. Baldur Bröniman dirixirá á Real Filharmonía de Galicia o 22 de novembro e Cristóbal Adoitar á Orquestra Sinfónica de Galicia o 21 de decembro, con Lorena Valero como solista-mezzosoprano.

O 5 de novembro, nova cita coa ópera, nesta ocasión Don Pasquale de Donizetti, incluída nas propostas de programación de Amigos da Ópera. O 14 de novembro se iniciará o Ciclo Musicav, unha proposta musical que une jazz e música clásica e que abrirá Abe Rábade Trío mentres qe os días 28 e 30 de novembro, escoitaremos a Blue Summit Quintet e A música e o cinema. O 18 de novembro seguirán Momentos Alhambra acustiquísimos; Rodrigo Cuevas presentará o 24 de novembro a súa nova xira «A romaría» e o 25 de novembro Óscar Rosende e a súa banda Great Straits farán un percorrido por todos os grandes éxitos compostos por Mark Knopfler.

O mes de decembro comezará coa presentación do primeiro disco de Xisco Feijoo, Peixe, o venres 1. Ao día seguinte, o teatro acollerá A pantasma da ópera. Tributo musical, unha adaptación do mítico musical baseado na novela homónima de 1908.

A programación músical inclúe tamén propostas da Sociedade Fiilarmónica de Vigo, a Coral Casablanca, a Orquesta Clásica e o concerto de Carlos Núñez, co que o artista pecha tradicionalmente o ano musical na súa cidade natal, e para o que nesta ocasión reservou dúas datas, o 22 e o 23 de decembro.

Ballet

O ballet terá dúas citas no outono do Teatro Afundación, O lago dos cisnes o 17 de outubro, co Ballet de Kiev que volverá co Crebanoces o 12 de decembro.

Maxia

Tamén haberá espazo para a maxia, con Jorge Blass e o seu espectáculo Flipar, o 11 e o 12 de novembro e o 26 e 27 de decembro celebrarase a sétima edición do Galicia Magic Fest, con magos de prestixio internacional.

REVISTA MAIO

Humor

O humor ten un protagonismo especial nas propostas que se presentarán ata decembro en distintos formatos. Berto Romero presentará do 15 ao 17 de setembro Lo nunca visto, 90 minutos de maxia, música, efectos especiais sorpresas e moito humor. O 22 de setembro Faemino e Canso protagonizan 17 veces Reload, que presentan como «un espectáculo refeito, revisado, evolucionado e novamente montado». O 23 de setembro chegarán ao teatro Las noches de Ortega Show e o 20 de outubro Ignasi Taltavull e Tomás Fuentes chegan co popular podcast en directo La ruina. O 21 e 22 de outubro presentarase Monólogo Touriñán e o 28 de outubro Enrique Aparicio e Beatriz Cepeda volven aos escenarios cun novo show, Mal de la olla.

En novembro, o día 10, Galder Varas, David Porto e Taka Gómez, dirixidos por Mario Román, presentarán A Bromerie ao vivo e o 17 de novembro chegará ao teatro Piensa en Wilbur, un espectáculo de acrobacias, humor e risco. Xosé A. Touriñán e David Perdomo levan ao teatro a experiencia que viviron durante os meses de confinamento en 2020, charlando en directo a través de Instagram na súa nova proposta, Corentena, que presentarán o 19 de novembro.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.