CAMELIAS MASCOTAS

Lula Goce é a autora do cartel da VI edición do Festival de Cine Inclusivo

A artista miñorana Lula Goce foi a encargada de realizar o cartel da VI edición do Festival de Cine Inclusivo que se celebrará en Vigo do 12 ao 16 de outubro e que este ano, ademais de dar a coñecer pezas audiovisuais que traballan por e para a inclusión, intentará concienciar sobre as enfermidades mentais, con proxeccións e actividades paralelas.

Lula Goce e o director do festival Gonzalo Suárez posando co cartel | P. Vázquez

O festival revela o seu cartel a menos dun mes da súa inauguración o vindeiro 12 de outubro, cando poñerá o foco nos trastornos de saúde mental, como a depresión ou a ansiedade, que empeoraron en moitos casos debido ás situacións de soidade, estrés, medo e illamento derivadas da crise sanitaria da COVID.

REVISTA NOVEMBRO

Lula Goza explica que na súa obra optou polos gansos porque “son aves migratorias, que viven en comunidade e viaxan en grupo, precisan os uns dos outros para se orientar, disto depende a súa supervivencia e benestar.” Por outra banda, engade que “a nena está soa, cos ollos pechados, grave e retraída, illada. Pode estar con esa liberdade, pechando os ollos para no vela, nin vivila. Tamén amosa a dificultade de ser libre e relacionarse cando unha persoa padece problemas de saúde mental. Coa tendencia ao illamento que isto produce”.

Goce colle a remuda de Abi Castillo que realizou o cartaz da pasada edición. O obxectivo da organización do festival é que cada edición un artista local se encargue do deseño, involucrando outras doutrinas artísticas no festival e dando a coñecer o talento local. Na edición deste ano, o festival encherá a cidade de cine con proxeccións e actividades ao longo de cinco días, do martes 12 ao sábado 16 de outubro, que terán lugar no Auditorio Municipal do Concello, o Museo MARCO e o Cine Salesianos.

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VI Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración de diferentes Administracións e entidades privadas.