Live Nation anuncia medidas legais contra Abel Caballero… e despois se retracta
Live Nation e Sweet Nocturna, as promotoras do concerto de Guns N’ Roses en Vigo do pasado luns 12, anunciaron este mércores que van tomar medidas xurídicas e legais contra o Concello de Vigo e o seu alcalde Abel Caballero pola “súa mala praxis” que case leva á cancelación do recital. Un día despois, desconvocan a rolda de prensa na que ían a dar a coñecer a súa posición neste enredo.
Xa temos culebrón do verán. O pasado luns as máis de 25.000 persoas que se deron cita en Balaídos para desfrutar de tres horas e media de concerto de Guns N’ Roses seguro que non estaban a pensar na liorta legal que había detrás dese espectáculo. Mais Live Nation e Sweet Nocturna, as promotoras do evento, estaban a afiar os coitelos para o anuncio que fixeron este mércores, no que convocaban unha rolda de prensa no hotel AC Palacio Universal para “dar a coñecer a súa posición e as accións para tomar contra o Concello de Vigo e o seu alcalde, incluíndo as xurídicas e legais, para que estas malas prácticas, arbitrarias, non volvan ocorrer polo ben do sector”. Ou iso parecía, porque 24 horas despois a sorpresa era que esta xuntanza quedaba desconvocada. As promotoras, polo momento, non ofreceron ningunha explicación por este cambio de parecer de última hora. Pola súa parte, Caballero acumula dúas semanas sen ofrecer nin unha rolda de prensa a medios, feito inédito desde que foi elexido alcalde en 2007.
Cronoloxía dun desengano
A sucesión dos feitos foi tal que así: Guns N’Roses, as promotoras e o Concello de Vigo anuncian en febreiro o concerto que tería lugar o luns 12 de xuño no Estadio de Balaídos. Todo é ledicia na cidade e na casa consistorial. En marzo as entradas xa estaban á venda e a moi bo ritmo: case 25.000 en escasas 24 horas. En abril o Concello abre un concurso público pola cunatía de 1,9 millóns para un concerto celebrado en xuño en Balaídos. En ningún sitio aparecía o nome da banda californiana, pero todos os requisitos apuntaban cara o mesmo lugar: o suposto concurso “público” non era tal.
Houbo queixas por parte da cidadanía e de asociacións de profesionais, como a Asociación de Empresas Galegas Musicais (AGEM), que Caballero esquivou con evasivas ou directamente nin contestou. En maio fíxose público que Sweet Nocturna cometeu un suposto erro á hora de entregar a documentación, polo tanto o concurso quedaba deserto. Os 1,9 millóns de euros non sairían das arcas públicas, e o concerto de Guns N’ Roses tambalouse. Se unha multinacional como Live Nation trouxo un concerto dese tamaño a esta esquina da península e do continente foi, principalmente, por ese acordo previo non escrito de inversión pública. Con todo, decidiron celebrar o concerto por “respecto aos fans” malia as “perdas millonarias”. O mesmo día da actuación o diario O Salto revelaba un secreto a voces: que o Concello e as promotoras tiñan un acordo previo, o cal constituiría presuntos delitos de “prevaricación administrativa, malversación de caudais públicos, tráfico de influencias e mesmo falsedade documental”.
O recital foi un éxito de público e crítica, pero dous días despois volvía a polémica: Live Nation e Sweet Nocturna convocan unha rolda de prensa para o venres “para dar a coñecer a súa posición e as accións que van tomar contra o Concello de Vigo e o seu alcalde, incluíndo as xurídicas e legais, para que estas malas prácticas, arbitrarias, non volvan ocorrer polo ben do sector”. A todo isto: o alcalde vigués leva xa dúas semanas sen ofrecer roldas de prensa, algo que nunca antes acontecera durante o seu mandato.
Rock in Vigo, o festival fantasma
Cando todo era felicidade e as promotoras pensaban que ían cobrar os case dous millóns de cartos públicos, Abel Caballero anunciou un festival de bandas locais na Porta do Sol a fin de semana previa ao concerto de Guns N’ Roses. Levaría o pintoresco nome de Rock In Vigo. Malia que semellaba ser unha estratexia política para calmar a todas esas voces críticas que esixían maior apoio á escena local, a iniciativa foi vista con bos ollos.
A data achegábase pero non se sabía nada do cartel. Achegouse tanto que o xoves 15, venres 16, sábado 17 e domingo 18 a céntrica plaza estaba como de costume: con moito movemento de persoas pero sen sinais de música en directo. Como cabía esperar, o festival non se celebrou. Nun xiro irónico do destino, os vasos nos que se servía a cervexa no concerto da banda estadounidense levaban gravado “Rock n Vigo”, unha nomenclatura moi similar á do festival fantasma.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024