Volve 10 anos despois a volta a Galicia ‘700 camisetas contra a leucemia’
No 2009 David Gil, presidente de FRANGIL e promotor da marcha solidaria 700 camisetas contra a leucemia, percorreu en 10 días os 500 quilómetros que separaban os sete principais hospitais de Galicia. 10 anos despois quere repetir este fito, esta vez acompañado por máis xente para ir relevándose e en menos días.
Do 19 ao 22 de setembro, David Gil e todas as persoas que o acompañan percorrerán as sete principais cidades galegas correndo, repartindo 100 camisetas nos hospitais de cada localidade. Un total de máis de 500 quilómetros en catro días, nos que os corredores iranse turnando cada 10kms. “As persoas que participan nesta volta a Galicia tanto na organización como os propios corredores teñen distintas vinculacións coa leucemia ou coas enfermidades do sangue, e con isto pretendemos facernos visibles, falar en nome de todas esas persoas que esperan pacientes por unha medula ósea compatible que lles permita vivir e/ou vivir mellor”, comenta David, organizador deste evento e presidente da asociación FRANGIL.
Cada unha desas camisetas representa “unha oportunidade para a curación da leucemia e do mesmo xeito que no ano 2009, nós regalamos 700 oportunidades, xa que terán o seu destino nos próximos 700 rexistros na nosa comunidade”. E como podemos tomar parte e axudar nesta iniciativa? David explica que “calquera persoa pode achegar o seu granito de area informándose de como pode formar parte do rexistro de doantes de medula ósea non emparentados (REDMO). Facendo algunha achega económica a algún dos proxectos de investigación que nestes momentos están a desenvolverse en Galicia e en España e máis concretamente a esta iniciativa, non podo negar que calquera achega que se puidese facer na nosa fila cero, sería moi de agradecer“.
Ademais da visbilización, David márcase un obxectivo: “a miña intención é a de conseguir un mínimo de 70 rexistros só coa información dos nosos corredores, ou sexa, un 10% das camisetas que entregaremos nos hospitais”. Mais esta non é un tarefa sinxela, xa que polo de agora só levan financiado un terzo do presuposto: “o reto vaise facer de todos os xeitos; só necesitamos pernas, corazón e un sorriso para alcanzar a nosa meta”, finaliza o organizador.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de outubro: Os templos da sétima arte - 3 Outubro, 2024
- Kintsugi, o novo espazo de movemento para aceptar as cicatrices do noso corpo - 1 Outubro, 2024
- Os templos da sétima arte: pasado e presente dos cines de Vigo - 25 Setembro, 2024
- Crónica do Underfest Xacobeo, unha bendita loucura festivaleira - 23 Setembro, 2024
- Dez anos do Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática do noroeste peninsular - 13 Setembro, 2024