VIALIA
bannerPicnicSesions

Abel Caballero non descarta que haxa concertos en Castrelos este verán

Tras anunciar o espectáculo de Sting para o 6 de agosto de 2022 no auditorio de Castrelos, o alcalde recoñeceu que non pode confirmar ou desmentir que este verán se programen concertos no parque vigués, xa que “non depende” de el, senón das autoridades sanitarias. Ademais, anunciou novas confirmacións para o Festival TerraCeo: Derby Motoreta’s Burrito Cachimba, Wöyza, Tony Lomba & Elio dos Santos e Batea.

REVISTA ABRIL
Leiva actuando en Castrelos no verán de 2019 | P. Vázquez

A cidade amencía hoxe coa nova de que Sting, mítico lider da banda The Police, visitará Castrelos o próximo 6 de agosto de 2022. O concerto, que espertou moito interese cando foi anunciado por primeira vez o pasado ano, tivo que ser cancelado por mor da Covid-19. Finalmente o músico inglés aprazou toda a súa xira do 2020 e 2021 ao ano que vén, cando presumiblemente a pandemia xa estará totalmente controlada. A pesar de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu na gratuídade deste evento, o funcionamento será como en anos anteriores: para acudir ao foso haberá que pagar un prezo simbólico moi reducido próximo aos 10€, entradas que habitualmente se esgotan aos poucos minutos de saír á venda.

Por outra banda, preguntado se era segura a ausencia de concertos este verán en Castrelos, Caballero afirmou: “Nin confirmo nin desminto, xa que non depende de min, senón das autoridades sanitarias”. Polo tanto, de mellorar considerablemente a situación nos próximos meses, poderiamos volver ao auditorio para gozar dos concertos de, por exemplo, Amaral, quen confirmou que neste período estival actuarán na cidade olívica.

Cambiando de auditorio, o Festival TerraCeo, que se celebra desde maio ata setembro na terraza do Mar de Vigo, suma novos nomes locais ao seu amplo cartel. Estes son Wöyza o 3 de xullo en sesión vermú, Tony Lomba & Elio dos Santos o 8 de xuño ás 20:30 e Batea o 29 de xullo á mesma hora. Con estes xa son sete os artistas locais que actuarán coas Cíes como pano de fondo, sumándose aos xa confirmados Eladio y los Seres Queridos, The Soul Jacket, Os Resentidos e dani. Outro dos anuncios, esta xa procedente de Andalucía, é a banda de rock Derby Motoreta’s Burrito Cachimba, o xoves 22 de xullo. Tamén se asegurou a presenza de teloneiros vigueses noutros concertos, como é o caso de Sanny no de Sidonie, Wygga no de Nach ou Moon Cresta no de Sr. Chinarro. Entradas dispoñibles en Teuticket.