JORGE PARDO

Ledicia Costas invítanos a camiñar polo Vigo de Verne

Como era de esperar, as prazas para o roteiro literario deste sábado 15 da man de Ledicia Costas voaron en cuestión de minutos. Este paseo parte da súa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, no que se falará do escritor francés, de Sanjurjo Badía e da importancia das cidades na ficción literaria. 

Hoxe a viguesa Ledicia Costas, unha das escritoras máis destacadas no ámbito galego e estatal, presentou xunto a outras autoridades o seu roteiro literario nun marco incomparable: no monumento dos Galeóns de Rande, no monte do Castro. Alí, a autora resaltou a importancia deste tipo de iniciativas, idóneas para coñecer mellor a cidade dun mesmo e para ter contacto directo cos lectores e lectoras, e poder así intercambiar opinións sobre a vida e, especialmente, sobre literatura.

O roteiro deste sábado, acompañado en todo momento polas explicacións e anécdotas da gañadora do Premio Nacional de Literatura Xuvenil e Infantil 2015, comezará na fortaleza do Castro. Para a autora é un auténtico privilexio que un autor da talla de Jules Verne visitara a nosa cidade, de aí o motivo deste percorrido polo Vigo verniano e da súa novela, gañadora do Premio Lazarillo no ano 2015.

O camiño continuará polo monumento dos Galeóns de Rande, batalla presente na obra 20.000 leguas baixo dos mares, e continuará polo Campo de Granada ata o Casco Vello. Por alí Ledicia nos guiará pola rúa da Misericordia, rúa dos Sombrereiros e rematará na Praza da Constitución. Todas elas rúas que Violeta, a protagonista da súa novela, percorre continuamente. Ademais, Costas falará da figura de Verne, do empresario Sanjurjo Badía, de submarinos e da importancia das cidades na literatura.

A pesar de que as prazas xa levan un tempo esgotadas, existe a posibilidade de anotarse na lista de espera no caso de que alguén non poida asistir ao roteiro. Unha oportunidade para descubrir outra faciana de Vigo e ver a cidade dunha forma descoñecida ata agora, da man dunhas das referentes da literatura xuvenil.

DEPO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.