BANNER CANS
BANNER GALAXIA

Le Punk, o rock canalla está de volta

Queda un día para que Portamerica celebre a súa edición máis singular: Portamérica Origen, unha viaxe ao pasado a través das melodías que nos facían cantar e bailar aló polo 2012, o ano no que naceu o certame de Caldas de Reis. Nesta liña nostálxica, Portamérica saca do baúl dos recordos aos coruñeses Deluxe e os madrileños Le Punk, ambos separados desde hai anos, polo que a cita suporá unha oportunidade única de volver a vivilos en directo.

Le Punk en 2009

Para empezar a entender o espíritu de Le Punk hai que saber que o xogo empeza no nome, pois a banda de Alameda de Osuna fan case de todo menos punk. Os seus membros viñan do rock “máis clásico” antes de xuntarse e decidir que precisaban novos sons para que o proxecto se construise realmente como algo diferente do que viñan facendo. Empezaron entón a escoitar música balcánica, cabaret, tangos e calquera outra expresión considerada música popular antes da explosiva chegada do pop. Querían trasmitir o bo rollo de bailar nas festas da praza do pobo ou botar unhas cancións espontáneas na barra do bar. De feito, Le Punk ten moito sabor a barra de bar, ás veces dun cabaret sofisticado, outras dunha sala de baile arxentina, as veces incluso de bodega dun barco pirata a piques de perpretar un motín.

Con esta mestura novidosa á que chegaron polo pracer de experimentar, Le Punk fíxose un oco no panorama nacional, e as súas xiras percorreron a península e chegaron ata Polonia, logo de gañar a fase española do concurso de novos talentos europeos Wanadoo Discoveries. Despois dunha década de carreira e catro discos publicados, decidiron botar o freno e separarse. “Imaxina pasar 10 anos traballando e viaxando cos colegas cos que levas xogando ao fútbol desde neno. Iso crea relacións e rutinas demasiado fortes e precisabamos separarnos para crecer cada un polo seu lado e comezar a vida adulta”, explica o guitarrista e cantante Alfredo Fernández, quen leva desde entón traballando na súa carreira en solitario, primeiro como Alfa, e despois como Alfredo Fernández, editando prácticamente un disco ao ano.

Co anuncio da inminente nova edición do Festival Portamerica, no que o certame aposta por volver ás orixes, poderemos asistir tamén ao retorno sobre os escenarios do rock canalla de Le Punk. A iniciativa de reunirse xurdiu do promotor do certame.Kin é manager e amigo. Le Punk foi un dos primeiros grupos aos que fixo despuntar e a nosa historia sempre estivo moi unida”, confesa Alfredo Fernández.

Esta non é a primeira vez que Le Punk se reúne para facer un concerto. Xa encheron as madrileñas Joy Eslava en 2013 e a Copérnico en 2017, de centenares de persoas que botaban de menos o seu estilo único. Como ocorreu naquelas ocasións, Alfredo non ten claro se despois deste concerto seguirán tocando. “Cando os fixemos pensabamos en volver, pero acabou sendo un polvo dunha noite”. O concerto do Portamérica será, de novo, unha toma de contacto para un posible retorno. Achegarase ata Caldas de Reis a última formación do grupo: unha banda de rock de dúas quitarras, baixo e batería e unha sección de ventos de trombón, saxofón e trompeta, que farán un esforzo por resumir dez anos de historia nun concerto dunha hora.

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.