Le Punk, o rock canalla está de volta
Queda un día para que Portamerica celebre a súa edición máis singular: Portamérica Origen, unha viaxe ao pasado a través das melodías que nos facían cantar e bailar aló polo 2012, o ano no que naceu o certame de Caldas de Reis. Nesta liña nostálxica, Portamérica saca do baúl dos recordos aos coruñeses Deluxe e os madrileños Le Punk, ambos separados desde hai anos, polo que a cita suporá unha oportunidade única de volver a vivilos en directo.
Para empezar a entender o espíritu de Le Punk hai que saber que o xogo empeza no nome, pois a banda de Alameda de Osuna fan case de todo menos punk. Os seus membros viñan do rock “máis clásico” antes de xuntarse e decidir que precisaban novos sons para que o proxecto se construise realmente como algo diferente do que viñan facendo. Empezaron entón a escoitar música balcánica, cabaret, tangos e calquera outra expresión considerada música popular antes da explosiva chegada do pop. Querían trasmitir o bo rollo de bailar nas festas da praza do pobo ou botar unhas cancións espontáneas na barra do bar. De feito, Le Punk ten moito sabor a barra de bar, ás veces dun cabaret sofisticado, outras dunha sala de baile arxentina, as veces incluso de bodega dun barco pirata a piques de perpretar un motín.
Con esta mestura novidosa á que chegaron polo pracer de experimentar, Le Punk fíxose un oco no panorama nacional, e as súas xiras percorreron a península e chegaron ata Polonia, logo de gañar a fase española do concurso de novos talentos europeos Wanadoo Discoveries. Despois dunha década de carreira e catro discos publicados, decidiron botar o freno e separarse. “Imaxina pasar 10 anos traballando e viaxando cos colegas cos que levas xogando ao fútbol desde neno. Iso crea relacións e rutinas demasiado fortes e precisabamos separarnos para crecer cada un polo seu lado e comezar a vida adulta”, explica o guitarrista e cantante Alfredo Fernández, quen leva desde entón traballando na súa carreira en solitario, primeiro como Alfa, e despois como Alfredo Fernández, editando prácticamente un disco ao ano.
Co anuncio da inminente nova edición do Festival Portamerica, no que o certame aposta por volver ás orixes, poderemos asistir tamén ao retorno sobre os escenarios do rock canalla de Le Punk. A iniciativa de reunirse xurdiu do promotor do certame. “Kin é manager e amigo. Le Punk foi un dos primeiros grupos aos que fixo despuntar e a nosa historia sempre estivo moi unida”, confesa Alfredo Fernández.
Esta non é a primeira vez que Le Punk se reúne para facer un concerto. Xa encheron as madrileñas Joy Eslava en 2013 e a Copérnico en 2017, de centenares de persoas que botaban de menos o seu estilo único. Como ocorreu naquelas ocasións, Alfredo non ten claro se despois deste concerto seguirán tocando. “Cando os fixemos pensabamos en volver, pero acabou sendo un polvo dunha noite”. O concerto do Portamérica será, de novo, unha toma de contacto para un posible retorno. Achegarase ata Caldas de Reis a última formación do grupo: unha banda de rock de dúas quitarras, baixo e batería e unha sección de ventos de trombón, saxofón e trompeta, que farán un esforzo por resumir dez anos de historia nun concerto dunha hora.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024