LAR Legido: “A improvisación é o máis verdadeiro que atopo na música”
Luis Alberto Rodríguez Legido, máis coñecido como LAR Legido, é un deses apaixoados que estudan, investigan, ensinan e crean música. Pero por enriba de todo está a improvisación, a “única verdade” na música, á que dedicou toda a súa traxectoria. O que leva dúas décadas sendo o batería do trío de jazz Sumrrá estará este xoves 4 de abril facendo un solo nas Sesións HALO da Kominsky.
Pensas que é máis difícil facer un solo de improvisación cunha batería que con outros instrumentos, como a guitarra ou o teclado?
A batería é un instrumento moi salvaxe en canto ao son. Trabállase moito co concepto de ruído, non entendido como algo molesto senón como algo co que se pode experimentar. Entaboar unha especie de conversa co ruído. A min interésame moito o punto de vista das texturas, aparte do ritmo. Eu divido as partes en sentimentos rítmicos, segundo a cadencia e a velocidade dos sons. Na batería hai textura e hai ruído, é un instrumento moi vivo nese sentido.
As túas actuacións en ocasións son unha mestura entre música e performance. Como lle definirías o que fas a alguén que non te coñeza?
Son un batería ao que lle gusta toda a boa música. Eu veño dun pobo moi pequeno que se chama Castromonte, de 250 habitantes, e son fillo de agricultores, polo que o único que tiña a man eran bidóns e latas. Desta forma construín a miña primeira batería antes de mercar unha. A batería non só se pode tocar con baquetas, escobillas ou mazas, senón que calquera obxecto pode intervir sobre ela, e iso dáche novas posibilidades e estruturas sonoras. Eu ademais da batería sempre levo unha maleta de xoguetes, porque xogar é un privilexio. Xogar pode estar moi preto do que é a felicidade.
Tamén tes feito performances nas rúas ou centros comerciais, sempre relacionadas coa percusión, a auga e demais elementos sonoros. Como sentes a reacción do público?
Normalmente son propostas nas que me piden que faga algo que non exista, entón relaciono a batería coa rúa, cun tractor, cunha formigoneira, cun camión de bombeiros… Cada ano fago unha distinta. Cando as fago non estou pensando no público, estou centrado en desenrolar o meu traballo. Cando vin os vídeos da do tractor vin que a xente non paraba de sacar fotos e fotos. Como nunca vimos esa imaxe antes a xente queda impactada.
Que é máis satisfactorio, facer gozar á xente nun concerto ou ensinar música aos teus alumnos?
Son cousas un pouco distintas. Eu dou clases particulares, nas que teño alumnos marabillosos. Son un pouco antisistema no sentido en que penso que cada persoa é un mundo e intento aconsellar a cada un de maneira distinta. Os concertos son un feito relixioso, no mellor sentido da palabra. Créase unha comunidade vibrante cando estás a tocar e a xente está conectada. É algo marabilloso cando a música é compartida, e máis en sitios pequenos como o concerto deste xoves na Kominsky.
Como ves a escena da improvisación en Vigo, con propostas como a Orquestra Metamovida ou as Sesións HALO?
Pois a verdade é que é un privilexio e unha sorte que exista unha escena e sobre todo que se manteña. Eu me lembro fai 20 anos cando co grupo Parto decidimos facer a Orquesta OMEGA, unha orquestra de música espontánea. Faltan as conexións para que a imporvisación libre sexa máis apoiada, no sentido de que moitas veces faise por amor á arte. Vigo ten un acto de amor á improvisación libre, e oxalá houbese máis cidades con esa xente que está a turrar do carro. É un avance que desde o ano pasado se estean a facer solos tamén, que non ten nada que ver que tocar con xente.
Sínteste máis cómodo só ou con máis compañeiros enriba do escenario?
É distinto, e tamén complexo. En ambas tes un grado amplo de liberade pero tamén de responsabilidade. Tocando con xente establécense parámetros de escoita e aceptación nos que non sabes por onde vai saír cada un. É un gusto tocar con xente en improvisación libre, sobre todo con persoas que xa teñen experiencia. Tocar só dáche un adestramento moi grande respecto a que ti es o responsable de todo. Ter control dáche estabilidade pero quítache liberdade.
Que te atrae da improvisación que non teña a música máis convencional?
O que ten a improvisación é a verdade. Porque realmente o universo funciona así, non hai un momento igual a outro. Todo se move, todo se transforma e o único permanente é o cambio. A improvisación é o máis verdadeiro que atopo na música.
Cambiando de tema á túa banda Sumrrá, como foi a experiencia de pasar de ser un trío a tocar coa Filharmonía de Galicia?
Foi un proceso de dous anos no que houbo que traballar moito. O director é unha unión entre o trío e a orquestra, e Paul Daniels foi marabilloso. Eu atopeime moi a gusto, foi unha experiencia moi importante na miña vida.
Que plans tes con Sumrrá para este ano?
Seguir traballando pensando no seguinte disco. Este último traballo, o de Seis mulleres, non pensaba eu que fora ter tanto éxito. Sumrrá é unha marabilla: somos tres persoas totalmente distintas e levamos 20 anos xuntos. É algo que me toca o corazón, porque penso que unha das cousas máis importantes artisticamente é ter un grupo. Teño moitas ganas de seguir traballando e creando con eles, e a polo sétimo disco!
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024