La Urbana, hamburguesas de autor coa mellor carne do mundo
Na milla de ouro das hamburgueserías viguesas contamos desde hai poucas semanas cunha nova incorporación: La Urbana. Un local de ambientación industrial e ampla terraza que promete sorprender coa súa gran variedade de ingredientes e a calidade da súa tenreira galega, calificada como a mellor carne do mundo.
A ninguén lle escapa que nos últimos anos vivimos unha febre polas hamburguesas. Por sorte, a moda vén acompañada de propostas cada vez de maior calidade, como é o caso de La Urbana, a nova incorporación á familia hamburgueseira da zona de Rosalía de Castro. A estrela indiscutible dunha boa hamburguesa é a carne e aquí temos boa materia prima, en concreto a variedade Roxa d’Ouro, procedente de Lugo e recoñecida en varias ocasións como a mellor carne do mundo. Tamén hai a opción de pedir tenreira 100% raza galega.
Con esa garantía de altísima calidade elaboran nesta cociña urbanita as especialidades da súa carta. O resto de ingredientes tamén están á altura. O pan e artesán e galego e pódese elixir entre o boliño rústio o brioche, ao estilo das hamburguesas estadounidenses, e o pan sen gluten. As patacas recén cortadas, as salsas feitas por eles mesmos e o resto de invitados seleccionados de proveedores locais, completan un elenco de altura.
Outro detalle diferenciador de La Urbana é que a metade das recetas foron creadas por chefs de coñecidos restaurantes, polo que todas son moi distintas entre si. Todo para atopar “unha variedade de sabores que non encontrarás noutras hamburgueserías”, como explica o dono, Pedro Barrio. Na carta de “Burguers de autor” atopamos as propostas do Restaurante A Faragulla, na Ribeira Sacra; o Mesón de Alberto, no centro histórico de Lugo, ou A Xanela Gastronómica, en Ponteareas. Cada cociñeiro esmerouse para crear unha receita sorprendente, coa que transportarnos ao seu restaurante a través dunha hamburguesa.
Pedro desvélanos que este amplo abano engade moita dificultade á xestión da hamburguesería, pois a cantidade de ingredientes e preparacións das que deben dispoñer a diario multiplícanse, algo que este empresario asume como o seu modelo de negocio. Ademais de hamburguesas tamén atoparemos catro opcións de bocadillos, entrantes pensados para compartir, saladas e unha selección de sobremesas caseiras.
Por onde empezar: Barrio propóñenos sentar na ampla terraza e comezar a descubrir La Urbana compartindo unha ración de langostinos crocantes con teriyaki e salsa de iogur; como prato principal, a hamburguesa Urbana Piamonte, con carne Roxa D’Ouro, marmelada de tomate, cebola crocante, salsa gorgonzola e bacon afumado e braseado. Como colofón cóntanos que o doce favorito dos seus clientes é o vasiño de queixo con arandos e galleta Oreo. Prezo: 19’60 €
Rúa de Rosalía de Castro, 48
986 59 56 89
laurbanaburguerbar.com
@laurbanaburguer
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024