La Mujer Invisible de Noemi Chantada, unha curta viguesa contra a prostitución
Hoxe nos Multicines Norte proxectaranse ás 20:00 tres documentais que terán como temática principal a trata e a prostitución, con motivo das VII Xornadas sobre a trata de persoas. A entrada será de balde ata completar aforamento e as obras a visualizar serán Miente, de Isabel de Ocampo e gañadora do Goya en 2009; Blessy, de creación colectiva e La Mujer Invisible, da viguesa Noemi Chantada. Falamos con esta última, directora de cine e fundadora da productora Islandia, sobre esta premiada curta documental que fala sobre a prostitución en primeira persoa e na que se encarga da dirección, da produción, do guión e da fotografía.
Cando e como xurdiu a idea de facer La Mujer Invisible?
Os meus pais viven en Vigo, moi preto dunha das zonas de prostitución de rúa máis coñecidas da cidade. Eu volvía a casa por esa avenida desde que teño memoria, e atopaba a mozas alí que non tiñan nin a miña idade: a diferentes horas, chovera ou fixese frío, e sempre case espidas. Esas cousas revólvenche por dentro, e fanche pensar que é unha imaxe que pouco ten que ver coa idea social da “muller que exerce prostitución porque gaña moitos cartos” ou “porque non quere poñer cafés nin limpar escaleiras”. Aí comezou a xestarse a idea de preguntarlles a elas mesmas, e de buscar darlles voz dalgunha maneira.
Imaxino que non foi doado conseguir a una muller que se prestase a saír diante da cámara a contar a súa historia.
Grazas a Médicos do Mundo Galicia tiven acceso a falar con moitas mulleres en situación de prostitución ao longo dos dous anos de preparación e gravación da curta, e chegado case ao final dese tempo tiña moitas historias que contar pero nin unha sola cara que accedese a ilustralas. Entón coñecín a Luisa, que chegou nova a un piso no que eu pasaba os días de investigación nese momento. Conteille o proxecto e houbo unha conexión instantánea. Ela estaba disposta, porque sentía que non tiña que avergoñarse de nada, e si moito que denunciar.
Para esta curta encargácheste da dirección, produción, guión e dirección de foto. É o teu proxecto máis persoal ata agora?
De feito é o meu primeiro proxecto dirixido. Agora estou en posprodución dun segundo traballo, pero ata o momento de facer La mujer invisible eu sempre firmara a cámara ou dirección de foto.
Entendo que despois de rodar esta curta estás aínda máis concienciada co tema da prostitución e da trata.
Si, claro. Son ideas que sempre tes claras, pero agora, despois de tantas historias tan alonxadas da “Pretty Woman” romántica das películas ou da muller feita a si mesma dos puteiros e donos de clubes, a miña balanza está moi inclinada.
Xa gañaches varios premios con esta curta, por exemplo tres no Cortocircuito 2017 ou no Xociviga 2018. Que recibimento está a ter entre o público?
Está sendo moi ben recibida en todos os festivais e presentacións aos que vai. E xera debate, crea discusión e isto é o máis importante, porque do que non se fala non existe.
Non pensas que este documental sería moi adecuado para ser proxectado en colexios e institutos?
Si, xa o pasaron en algúns, por petición de profesores e orientadores, e agardo que poida verse en máis.
Gustaríache converter La Mujer Invisible en longametraxe?
Quizais máis adiante, por que non?
Volviches a ter contacto con Luisa, a protagonista do filme?
Si, claro, por suposto.
Trailer “La mujer invisible” from Islandia on Vimeo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024