REVISTA MARZO

La Cantina del Liceo, con vento mareiro

Decoración moderna, tres terrazas distintas e unha carta informal na que é doado caer á hora do solpor. La Cantina del Liceo é un bar imperdible para os que desfrutan da brisa do mar e o bo ambiente a calquera hora. Contan con dous locais en Vigo, un en Bouzas e outro de recente apertura en Balaídos.

Apartado da zona vella de Bouzas e rodeado de mar atopamos un bar de decoración agradable e moderna e varias terrazas nas que se organizan concertos semanalmente coa chegada do estío. Destacan na carta as hamburguesas con materia prima galega e os espetos, un dos seus selos distintivos. Atopámolos de picaña, porco con mazá, polbo e lagostinos ou vexetais, e podemos degustar estes bocados na compaña dunha boa ensalada. Outro dos produtos que máis se consomen son os cócteis, perfectos compañeiros para unha sobremesa ou unha sesión de tardeo co solpor mareiro como pano de fondo.

Banner A Movidiña

Rebeca e mais o seu socio Roi ofrecen os diferentes espazos desta cantina mariñeira para celebracións. Tanto a zona acristalada coma o salón do piso superior, ademais da terraza ao pé do mar, pódense reservar para eventos aos que se lles pode engadir unha sesión de DJ ou a actuación dunha banda local, ademais dun menú personalizado. Coa mesma premisa, disponse dunha terraza ampla, dunha cociña rápida e dun ambiente distendido. Este venres, 1 de xullo, contarán coa banda de versións El Síndrome de Penny Lane en directo a partir das 21h.

Os responsables acaban de abrir un novo local nas inmediacións de Balaídos que continúa coa filosofía de ofrecer grandes espazos abertos nos que desfrutar do bo tempo e os ocasionais concertos.

Enderezo: Rúa de Eduardo Cabello, 8 (Bouzas)
Rúa Val Miñor número 1 (Balaídos)
Facebook: La Cantina del Liceo
Instagram: @lacantinaliceo
Reservas: 689 95 08 51

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.