Kartoffel, a novela gráfica que debuxa o pasado nazi de Vigo
Os libros de texto din que España foi un país neutral durante a segunda guerra mundial, período que ocupou librando a súa propia batalla civil. Seguramente con este pretexto non adoitamos pararnos a pensar no papel que Vigo, Galicia ou España xogaron no conficto bélico máis decisivo do século XX e non é habitual pensar que mandatarios nazis camiñaron baixo os soportais do Berbés e desfilaron na Porta do Sol. Agora un cómic rescata o acontecido na cidade, cuxo porto xogou un papel crucial nas relacións entre Hitler e Franco.
Xa o fixeran con Ricardo Mella, o anarquista vigués condenado ao exilio e agora os Irmáns Trigo debullan mediante documentos históricos, fotografía e banda deseñada a historia dos submarinos U-Boost que entraban na ría de Vigo como mandas de lobos, de ahí o subtítulo “Lobada” da novela gráfica, sedentas de wolframio. Xosé Trigo asina o guión e Ramón Trigo os debuxos desta novela gráfica que esboza unha época escura da historia recente e que foi posible publicar grazas a unha campaña de crowdfunding.
A novela en grises dos irmáns Trigo navega entre a realidade e a ficción. A presunta brebaxe máxica dunha feiticeira serve de excusa aos submarinos alemáns para adentrarse na ría de Vigo e penetrar en Galicia. O que buscan en realidade é frear o trapicheo de wolframio, que mermaba as remesas que o rexime franquista enviaba ás industrias armamentísticas alemás. O wolframio é un dos metais máis duros coñecidos e o que funde a maior temperatura. Isto faino útil para fabricar os filamentos das bombillas tradicionais e imprescindible para a industria armamentística do século pasado, que o fundía con aceiro para aumentar a resistencia dos tanques e a letalidade das municións. As minas de Barbanza, Bergantiños, Xallas o Valdeorras producían o 90% do wolframio español e eran o principal interese da Alemaña nazi no nosos territorio, que doutra maneira era catalogado como terra de patacas, Kartoffel.
O maior logro desta novela gráfica non reside na historia que inventa, da que botamos en falta algo máis de desenvolvemento, senón na que se descubre dos acontecementos reais. Kartoffel inclúe unha ducia de documentos históricos, algúns inéditos segundo os autores, entre as súas páxinas. Fotografías de soldados alemáns nas fragas galegas, ordes de encarcelamento nas Minas de Silleda, imaxes de buques e submarinos de guerra na ría da cidade e, o máis impactante, as fotografías da Lexión Cóndor desfilando por Policardo Sanz, a Porta do Sol e a Laxe, en 1939, nas que vemos ao seu comandante rodeado de militares franquistas.
Algúns destes interesantes documentos históricos poden verse, xunto a material Top-Secret e merchandaising da publicación nunha exposición no local de A Madriña ( C/Churruca, 12, entresollado) ata o 10 de xaneiro. Os interesados en visitala poden pedir cita no mail trigofilia@hotmail.es e no teléfono 639 079 937. O libro pode conseguirse nas librarías Librouro, Versus e Norma Cómics.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024