CAMELIAS MASCOTAS

Kaixo: “Boto en falta máis facilidades para xerar cultura de forma independente”

Kaixo é un deses artistas diferentes que para fuxir de etiquetas creou a súa propia, o #NEWPUNK. Referente desde xa hai anos na música urbana galega, este inquedo vigués non deixa de crear e colaborar con outros artistas de distintas correntes.

Como definirías o que fas a alguén que non te coñeza?

Eu me autodefino como #NEWPUNK para saír do conglomerado de ficción que hai ao redor da música urbana e da visión adulterada que hai da mesma. Con hashtag si, porque pertenzo ao mundo da internet tanto como ao físico, son xa un medio ciborg como todos. Aglutinados e atormentados, a miña música loita contra iso. Fala dese estado de ánimo entre o exceso de adrenalina e a falta total de ganas de vivir nun mundo tan cruel e ficticio como este. Saio tamén, da fatua definición de música urbana porque me parece que se utiliza despectivamente, a xente ri do que non entende e así vai. O trap, o swag ou calquera outra palabra atribuída prodúcelles risa. Que lles dean por cu, a miña merda é seria, ata onde eu queira, esa é a miña música, directa, diferente e antiacomodadxs.

Como e cando nace o teu proxecto musical?

Nace realmente en 2013 con Drop Out, pero xa antes con a cousas súper diferentes e creo que moi avanzadas ao que  habia en España con Elecesar e co meu colectivo Banana Bahía. En 2013 decidín roubar literalmente cancións de produtores de electrónica europea que me gustaban e cantei por enriba. Hoxe en día, segundo o que me conta a xente, Drop Out está considerada unha obra diferente e que marcou a unha xeración enteira de esta música tanto a nivel Galicia como España. Iso xa me parece facer algo grande. Hoxe son menos hippie e mais punk, supoño que o mundo fíxome así.

Que che parece esta iniciativa de Vigo Emerxe?

Paréceme súper necesaria, sobre todo nunha cidade onde se deosta desde as institucións locais o poder cultural dunha cidade tan activa como Vigo, que non deixa de ser unha das cidades máis importantes do norte de España e a máis grande de Galicia. Paréceme algo necesario, algo que a xente do ambiente cultural necesita, e xa non só para a música considero que debería haber cen Vigo Emerxe dentro de todas as disciplinas da cultura e recuperar ese sangue que nos diferencia do resto; saír da eventualidade cultural de gustar a todo o mundo con propostas baleiras como iluminar a cidade no nadal para encher de turismo barato e gangoso o centro. 

Que outros artistas locais gustaríache ver no festival?

Gústanme todos os que van! Polo menos nun 80%! The Soul Jacket encántame, Basanta é súper interesante, Babykatze é súper diferente a todo, Bflecha unha referente na música electrónica e urbana do estado… Non sei, supoño que faltan artistas, pero a proposta é bonita! Por dicir algo feito aquí boto en falta quizais a Kings Of The Beach, Highpaw, alguén mais de Banana Bahia, quizais Kyotto, e logo algunha pequena proposta como Lokker ou Shy Kolbe…Pero, agardo que haxa moitas edicións e todos estes grupos acaben por estar algún día dentro.

Que opinas da escena musical local?

REVISTA NOVEMBRO

Paréceme diferente a de calquera outro lado, volvemos moita xente próxima aos 30 anos á cidade e estamos fusionados cos que  están nos 20 e poucos ou próximos aos 20 e están a saír cousas moi curiosas. Está a xogarse con agarimo creo eu, e se os egos non nola xogan, Vigo volverá ser un  referente neste lustro que entra. Propostas de todo tipo musical e índole cultural, propostas como Maison Ruína, Proxecto 85C ou a xente de No Tengo Mamá… Boto en falta máis apoio municipal ás salas de concertos e aos eventos fóra do ambiente institucional. Facilidades para xerar cultura de forma independente.

Proxectos para este ano e o que vén.

Este ano sairán un par de pequenos EPs, un con Lokker que será a segunda parte de # NEWPUNK  RIOTS Non Xan Tears For Toxic Lovers e outro pequeno EP co produtor coruñés Ambeatz. Quizais algún single máis. E por último un proxecto súper interesante que teño a medias con Kings Of The Beach chamado YOUCANTHIDE que gravamos en Radar Studios con Pablo Iglesias e creo que dará moita guerra e moito que falar. Por último, que non é pouco, para 2020 teño prevista a saída da terceira parte de # NEWPUNK RIOTS que levará de nome Drop Out 2 e está feito xunto con dos meus pais musicais e creo que o produtor mais importante dos últimos 20 anos en Vigo e España, Mweslee.