REVISTA ABRIL

Carmen Orge: “O espírito de Montañeiros Celtas é xerar lazos de amizade a través dunha actividade que nos encanta”

Montañeiros Celtas, o club decano da montaña galega cumpre este mes 80 anos. Falamos con Carmen Orge, presidenta deste club de adeptos ás alturas e a aventura con paixón polo coidado do medio ambiente.

Se estades celebrando os 80 quere dicir que nacestes en 1942, como foron os comezos?

En Vigo existían dous grupos de montaña moi activos, o Centro Excursionista de Galicia e a Peña Excursionista Viguesa. Estes dous pequenos grupos xuntáronse baixo o paraugas do Real Club Celta de Vigo e fundaron a sección de montaña, activa ata 1952. Nese ano, e dado que o Celta estaba enfocado no fútbol e o atletismo, fundamentalmente, decidimos separarnos e fundar Montañeiros Celtas.

Como chegas ti ao club?

Cheguei no 1994, hai 28 anos, e atopei un club moi activo, con xente que estaba no máis alto do alpinismo a nivel Galicia e España, como Chito Veiga, Antonio Fernández “Cholo” ou Albino Quinteiro e que xa estaban formando a unha seguinte xeración de grandes exploradores da montaña, como Chus Lago ou Sechu López, persoas que escalaron oitomiles como o Cho Oyu e o Everest.

Montañeiros Celtas é a base para moitos dos clubes de montaña que existen hoxe en Galicia. Hai compañeiros de certa idade doutras vilas que recordan a primeira vez que viron aos Montañeiros Celtas por exemplo, subindo Pena Trevinca, pois hai 80 anos non era habitual atoparse un grupo de persoas que quedaba para subir unha montaña, polo menos en Galicia.

Como cambiou Montañeiros Celtas nestas oito décadas?

O principal cambio é a diversificación das nosas actividades. Comezou moi volcado no alpinismo, a escalada e o esquí de travesía, pero coa chegada de novos socios, moi aventureiros e deportistas, chegaron tamén as ganas de facer outras cousas e a día de hoxe contamos con nove seccións: espeleoloxía, bicicleta de montaña, escalada, sendeirismo e acción cultural e mergullo, esta última algo pouco frecuente nun club de montaña. O máis común é que un mesmo socio se apunte a actividades de varias seccións.

O máis coñecido dos Montañeiros Celtas son as súas saídas guiadas á montaña, pero entre as vosas actividades tamén está a formación en escalada.

Si, temos un rocódromo e grupos de nenos e adultos. A escalada é unha das actividades que forman parte dos inicios de Montañeiros Celtas. Nós colocamos as vías que hai no Galiñeiro e construímos o refuxio, nunha época na que chegar ata alí desde a cidade era unha viaxe de varias horas e compensaba quedar durmir preto do lugar de escalada.

Por outra parte, cómpre dicir que a formación é contínua e no propio terreo en todas as disciplinas. Unha das nosas labores é guiar ás persoas principiantes. Asesorámolas sobre os materiais e calzado que deben levar, ensinámoslles como camiñar con raquetas, baixar unha ladeira con xeo, cruzar un río… A formación é constante para novos e veteranos porque a montaña nunca é a mesma. Sempre aprendes algo. Quero recalcar que todos os guías son voluntarios e fan este traballo de xeito gratuíto.

Hai dous meses celebrastes outro aniversario, os 30 anos do primeiro sendeiro homologado de Galicia, na serra do Galiñeiro, marcado polos Montañeiros Celtas. Tiñades algún referente cando decidistes sinalizar os camiños no monte?

As liñas brancas e amarelas da PR G-1 do Galiñeiro levan o número 1 porque foi a primeira e a día de hoxe seguimos coidando e limpando ese camiño. Como che comentaba, no Galiñeiro tiñamos vías de escalada e un refuxio, era unha zona moi frecuentada polos Montañeiros, polo que foi natural que se comezara por alí. Dous anos despois tamén se sinalizou a travesía do Galiñeiro ao Aloia.

Nos anos 80 moitos dos socios do clube facían expedicións a Pirineos e Alpes. Os clubes franceses foron pioneiros en marcar os camiños na montaña e os galegos copiaron algunhas das súas ideas. Me consta que tamén no País Vasco comezaron a imitar aos franceses neste aspecto naquela década.

REVISTA ABRIL
Refuxio do Galiñeiro

É necesario ser socio para saír cos Montañeiros Celtas?

Non é obrigatorio, pero sempre animamos a facelo. Por unha parte porque o espírito de Montañeiros Celtas é crear comunidade arredor da montaña. Non queremos que a xente veña un día, queremos que queden, que sintan o club como seu e atopen cal é o deporte que máis se adapta a eles. Moitos de nós somos amigos que saímos facer rutas tamén fóra das saídas oficiais. O espírito do club é xerar lazos de amizade a través dunha actividade que nos encanta. Outro motivo é que no clube contamos con material para socios, como esquís, cascos, piolets ou cordas de escalada, o que permite poder probar diferentes deportes.

A nosa ideoloxía é utilizar a montaña con moitísimo respecto. Xamais lixamos nin destruímos nada; ao contrario, cooperamos moito coa Comunidade de Montes de Vincios. Sentímonos parte da natureza e por iso coidámola, desfrutámola e esperamos voltar ao ano seguinte e atopala igual.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.