REVISTA ABRIL

Saleta González (Equilátero): ‘Precisamos cambios lexistlativos para xerar cambios sociais’

Durante esta pandemia puidemos ver nas nosas pantallas titulares que afirmaban os beneficios do noso confinamento para paliar o quecemento global. Cos humanos fóra de xogo, corzos, xabaríns, aves ou delfíns aproveitaron para campar polos espazos urbanos, xerando imaxes nunca vistas ata agora. Incluso a axencia Copernicus, o organismo de observación medioambiental da Comisión Europea, informou da milagrosa recuperación dos buratos na capa de ozono. Pero, axudou a crise sanitaria a crear un cambio real no desgaste do planeta? Falamos con Saleta González Pimentel, responsable de Equilátero, unha consultoría medioambiental pontevedresa que desenvolve proxectos de conciencianción sobre o coidado do entorno, tamén desde a cultura.

Poñámonos en situación, que é Equilátero, a compañía que dirixes?

En Equilátero integramos criterios de sostibilidade na posta en valor dos recursos sociais, culturais e medioambientais. Traballamos nas competencias das persoas que xestionan estes recursos. Facemos traballos tanto para empresas privadas como organismos públicos, calquera que quera xestionar o seu proxecto de forma sostible pode acudir a nós en busca de ideas.

Podes darnos algún exemplo dos proxectos culturais nos que traballades?

O aspecto cultural está en moitos dos programas que levamos a cabo. Por exemplo, traballamos co Parque Nacional Illas Atlánticas nun proxecto de loita contra os lixos mariños involucrando a cidadanía, os profesionais do mar e os centros de ensino. Tamén pechamos hai pouco ‘Telearqueoloxía’, unha plataforma para a videocreación arredor do patrimonio arqueolóxico da nosa provincia. No eido do ocio, traballamos implantando a sostibilidade do Festival Portamérica.

Supuxo esta crise un parón na vosa actividade?

Por suposto, a concienciación directa é unha parte esencial do noso traballo e tivemos que cancelar todas aquelas actividades que supuñan o contacto coa cidadanía e os eventos. Deunos especial mágoa ter que suspender ‘Pontenciencia’, unha feira anual celebrada en Pontevedra que promove o pensamento investigador entre escolares en calquera disciplina. Por outra banda, puidemos continuar con actividades de estudo e planificación, que tamén son importantes.

Cres que saímos desta crise con máis conciencia medioambiental?

Seguramente haberá unha reflexión, pois o momento o propicia, pero isto non supón un cambio de hábitos. Falar dun cambio inmediato é moito supoñer. O valioso disto é que as persoas que aínda non están sensibilizadas, están vendo a relación causa-efecto das súas accións no medio. É un bo momento para darse conta de que os nosos actos teñen unha resposta, pero non teño confianza en que vaia haber cambios inmediatos relevantes.

Estamos ante a oportunidade de crear unha ‘nova normalidade’. Poñeremos máis atención no medioambiente a partir de agora, como están facendo outros países europeos?

Paréceme moito supoñer, pero sería o necesario. Precisamos cambios lexistlativos para xerar cambios sociais. Mentres non haxa unha obriga legal, non vai haber unha mudanza sustancial do noso comportamento, pois non contamos cunha base educativa suficientemente forte. Ademáis, é unha cuestión circular: unha lexislación responsable co medioambiente, e que non valora exclusivamente criterios económicos, xera un ambiente de compromiso que promove o coñecemento neste sentido.

REVISTA ABRIL

Como podemos facer eventos culturais máis sostibles?

A cuestión principal, por exemplo nun festival, é a xestión dos consumos e emisións. Como podemos reducilos? usando únicamente vasos reutilizables ou facilitando o transporte compartido. Ademáis, no caso do Portamérica dimos un paso máis alá, comprometéndonos a restaurar os terreos nos que se celebra e reforestando os bosques queimados da contorna. O día da plantación chovía a máis non poder, o que non impediu que acodesen máis de 300 persoas. Se á xente lle das a oportunidade de facelo ben, responde ben. Esa é unha das conclusións importantes que sacamos.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos do espertar da cidade na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.