VIALIA
PLAYDOC

Grande Amore: “Agora sei máis sobre facer cancións pero tampouco moitísimo, non vai ser isto os Beatles”

Nuno Pico, musicalmente coñecido como Grande Amore, é un dos artistas galegos máis relevantes dos últimos anos grazas á súa orixinal proposta que mestura elementos do post punk, electrónica e música industrial. As letras, directas e acedas, atrápante desde a primeira escoita. Este sábado 5 actúa no festival SonRías Baixas de Bueu. Podes mercar aquí as túas entradas.

Nuno Pico | Aigi Boga

A música de Grande Amore é difícil de encadrar, e “as veces de escoitar”, como o propio artista recoñece entre risos. Nuno Pico naceu hai 28 anos no Valadouro, na Mariña lucense, e alí foi onde sentiu por primeira vez o pracer de subirse a un escenario e ser escoitado: “No festival de fin de curso en Ferreira, cando tiña cinco anos, tiven que subirme alí a presentar a gala e recordo pensar ‘ui, isto gústame'”, lembra Nuno. Uns cantos anos despois, xa en Santiago de Compostela, o lucense acudía a recitais de poesía: “Sempre me gustou estar enriba dun escenario, a exposición pública”.

A timidez e o nerviosismo nunca foron un impedimento para isto, máis ben ao revés. A súa personalidade e o seu sentido do humor, con esa forma de falar atropelada ao estilo Woody Allen, fan de Grande Amore un artista divertido, próximo e moi querido: “No día a día moita xente sorpréndese de que son moito máis reservado do que pode parecer, pero supoño que é normal e lle pasa a moitas persoas”, di. En Compostela estudiou primeiro Filosofía e despois Comunicación Audiovisual —que vén de rematala hai escasas semanas—, o que demostra que Nuno nunca foi de tomar o camiño máis sinxelo.

REVISTA MAIO
Nuno Pico | Aigi Boga

Nuno Pico situouse no radar musical galego hai máis dun lustro por ser o vocalista da banda compostelá Oh! Ayatollah, cos que publicou un disco en 2018, Volve a canción protesta. Nos últimos anos o proxecto estivo en barbeito, pero o cantante recoñece que están a gravar novo material despois dun lustro. En 2021 publicou o seu debut como Grande Amore, un disco homónimo cargado de actitude punk, electrónica retro-industrial e letras directas e honestas. O tema ‘Esta penas que a veces teño’ é xa case un himno xeracional: “E así gasto eu o meu tempo facendo bromas con todo porque as veces que o tomei en serio non me gustou moito”, canta na primeira estrofa.

A súa música semella moverse entre a éxtase e o agobio, entre a liberade e a opresión. En setembro deste ano publícase II, o seu segundo disco, do que nos adianta que terá un son máis escuro e duro: “A min gústame máis ca o primeiro, pero que vou dicir. Aínda que non me gustase máis diríao igual”, di con naturalidade. “Supoño que agora sei máis sobre facer cancións que antes pero tampouco moitísimo, non vai ser isto agora os Beatles”, insiste Nuno coa clara intención de autosabotarse. Gravouno hai máis dun ano nos estudios La Mina, en Sevilla, con Raúl Pérez de Pony Bravo aos mandos e Carlangas como produtor.

Polo momento o balance destes tres últimos anos é máis que positivo. A falta de tempo libre nas fins de semana demóstrao abondo: “Lévoo moi ben. Facer música e dar concertos sempre foi o que máis me gustou, e ter a cantidade suficiente de bolos para poder dedicarme só a isto é unha sorte e un honor, aínda que soe un pouco rimbombante. Desfruto moito nos concertos, e máis agora que estamos indo os tres — mariagrep e Clara Redondo acompáñano en directo— e podemos tocar a guitarra e teclados. En certo sentido é como se cada fin de semana houbese unha excusrsión de fin de curso“, finaliza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.