REVISTA MARZO

Garage saca lustre ós prexuízos na industria do automóbil

Voadora sempre é sinónimo de espectáculo. Non hai ningunha montaxe desta compañía que transmita indiferenza ó espectador. O signo de identidade de Voadora e, en concreto, das obras dirixidas por Marta Pazos é o afán ruturista e a esquizofrenia escénica. Garage non ía ser cousa distinta.

Un intre da obra | Voadora Compañía

Garage non é unha obra de teatro, tampouco un documental, nin unha performance. Os espectadores presencian un obxecto orgánico, con testemuñas reais, sen discursos estritamente guionizados e cun obxectivo claro, reivindicar a desigualdade laboral das mulleres no ámbito das fábricas de automóbiles e, por extensión, en todos os sectores. Esta intención microhistórica deixase clara dende o comezo da peza, na que colocan ás traballadoras de PSA-Citroen (agora actrices) simulando representar os barrios da cidade de onde proveñen, sendo o fío condutor o seu traballo na fábrica.

Este espectáculo cargado de ideais non pretende ser unha mensaxe sinxela. Este garaxe propón unha clara perspectiva bidimensional ó espectador: ese lugar onde as mulleres son recluídas no esquecemento e a desigualdade e o garaxe máis físico como lugar de traballo do persoal feminino de PSA-Citroen. Dentro deste primeiro garaxe temos as historias individuais, os problemas da inexistencia representación da muller nos protocolos de seguridade dos vehículos ou a problemática coa publicidade de protagonismo feminino. No segundo, o máis sensible, temos o acoso que sofren as traballadoras ó entrar nun espazo onde son discriminadas polos seus compañeiros e xefes, cun ton eminentemente satírico coa lectura das “normas para tratar a unha compañeira de traballo” ou as conversas da muller co vehículo que, evidentemente, é un interlocutor con trazos canonicamente masculinos pese a ser unha máquina.

O espazo escénico limítase a un espazo baleiro cun vehículo que se move durante toda a obra a vontade das mulleres que o desprazan en peso. Respecto dos efectos sonoros, esta peza pretende integrar un compoñente de visceralidade e esquizofrenia nos actos máis performativos. Case toda a “banda sonora” componse de música electrónica ideal para os comportamentos impulsivos, a danza máis mecánica e o frenetismo das accións. Os xogos de luces, algunhas veces case epilépticos, tamén condimentan perfectamente esta atmosfera.

Banner A Movidiña

Mención especial merece a escolla dun elenco real con traballadoras da fábrica e que pese a non ter formación teatral, polo menos en aparencia, conseguen facer da súa naturalidade a ferramenta máis útil para comunicar en escena. O texto non se cuspe, nace do propio discurso individual das actrices e cóntase de forma distinta en cada show. Para pechar o espectáculo intervén unha parella de mozos, que se realizan un cuestionario no que comparten a súa visión da realidade respecto da desigualdade de xénero.

Esta obra, que dura apenas unha hora, funciona bastante ben entre o público. Podemos criticar nel que se poderían introducir máis sketches, non estritamente en sentido cómico, e que se podería explotar aínda máis a figura dos mozos que pechan abruptamente a peza.

En resumo, Garage non é un espectáculo fácil de definir pola complexidade que supón a mestura de elementos. Quizais tamén é mellor así. O que si queda claro é que achega unha visión reivindicativa do papel da muller no traballo e na vida social, que recrimina os comportamentos machistas dende a sátira e que supón un desafogo necesario para as mulleres, que rematan enxaboando un vehículo para limpar todo os prexuízos que hai nel, ó ritmo da liberdade.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com