REVISTA ABRIL

Frans Banfield tocará todos os xoves no Reserva Rock acompañado polo mellor da música local

O artista arxentino Frans Banfield será o músico residente do Reserva Rock todos os xoves de verán, onde realizará un show acústico acompañado por diferentes artistas da zona como Óscar Avendaño, Ibán Marciano, Nillo Nández, Eladio Santos, David Cocón, Beutxi ou Juanma Ons.

REVISTA ABRIL

Aínda que no verán a maioría dos locais reducen a súa actividade, o mítico Reserva Rock volverá a gozar da música en directo cos acústicos reserveros de Frans Banfield, músico arxentino residente na nosa cidade. Mais o cantante e guitarrista non estará só, senón que estará acompañado por un selecto grupo de artistas locais, como poden ser Ibán Marciano (Los Marcianos), Nillo Nández, Óscar Avendaño (Siniestro Total, The Bo Derek’s, Los Naipes), David Cocón (Cool Funeral), Juanma Ons (Cool Funeral, Los Traumáticos, Phantom Club), Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos), Beutxi (Vatapá) e outros tantos que están aínda por confirmar.

Frans conta que a idea xurdiu para “darlle continuidade a esa esencia musical que tiña o bar coas jams, amoldándose á normativa vixente cunha proposta acústica ata as 23:00”. Uns concertos nos que veremos, sobre todo, composicións orixinais, mais tamén haberá algunhas versións: “é un setlist ensaiado, cada semana estudo as cancións que os invitados me envían”, apunta Banfield. Sobre os xéneros, tanto lle dá un blues, un rock ou unha bossanova: “toda a boa música é benvida”.

A escena local é ampla e talentosa, polo que non debeu ser unha tarefa sinxela a escolla dos acompañantes. “Comezo por invitar aos artistas cos que máis relación teño e dos que máis coñezo a súa música, mais está aberto para todos”, comenta. Ademais dos xa confirmados para xullo, confesa que tanto Eladio Santos e Beutxi tamén estarán con el en agosto. Outros, como Nicolás Pastoriza, Adolfo FH (de Stoned at Pompeii) e David Vázquez (de Moon Cresta) agarda que pronto poidan ser anunciados oficialmente.

(GMT+01:00) Reserva Rock

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.