ASNEVES
REVISTA MAIO

Fran P. Lorenzo: “Estou en completo desacordo coa política-espectáculo de Vigo”

Hai un ano a editorial independente Rodolfo e Priscila publicaba A festa equivocada, un libro que reúne algunhas das columnas do xornalista vigués Fran P. Lorenzo entre os anos 2003 e 2010 no extinto xornal Galicia Hoxe. Os seus textos constitúen unha radiografía certeira e crítica da sociedade, política e cultura daqueles anos e que remataron case por orde divina. Podes mercar aquí o libro.

Fran P. Lorenzo xunto coa irmá californiana da ponte de Rande | Luis Freitas

Foi Carlos Meixide, un dos fundadores da editorial Rodolfo e Priscila xunto con Berta Dávila, quen lle propuxo ao vigués Fran P. Lorenzo a publicación deste libro. El non o tiña claro, pois non sabía se se recoñecería en textos escritos hai dúas décadas: “Xustamente o que me animou a publicalo foi que me seguía recoñecendo no que escribira, e que as miñas preocupacións e obsesións seguían sendo as mesmas”, di o xornalista. Algúns deses temas son os dereitos do colectivo LGTBQ+, o papel da Igrexa na sociedade, a memoria histórica e, sobre todo, a dudosa honestidade e labor dos nosos políticos: “Avanzamos en moitas cousas, pero nas cuestións de fondo non se mudou tanto. Por exemplo, daquelas o colectivo LGTBQ+ loitaba polo dereito ao matrimonio, que se conseguiu, pero aínda existen moitos dereitos inherentes que se están a loitar a día de hoxe”, explica.

Hai anos que Fran deixou o xornalismo para dedicarse á comunicación política. Con todo, detecta no actual xornalismo unha “inflación de opinión” e unha falta de interese polo relato dos feitos, que é o que realmente importa. Por iso mesmo o propio xornalista recoñece que se atopa nunha contradicción: “Por un lado quero escribir sobre o que acontece e o que vivo e polo outro cuestiónome constantemente se ten sentido ou é útil opinar todo o tempo sobre todo“, admite.

En xuño de 2011 pechaba o xornal Galicia Hoxe, e posteriormente todo o seu arquivo desaparecía da rede. Novamente Carlos Meixide foi quen rebuscou na hemeroteca física situada na Cidade da Cultura de Galicia, e alí atopou todas as columnas de Fran: “Hoxe parece impensable, pero naquel momento ocorreu así e todo o arquivo dixital desapareceu. Eses textos que naceron coa vontade de imitar a narrativa dixital, que do xornal físico pasaron á rede, onde permanceron finalmente foi no papel. Serviume tamén para decatarme da importancia que teñen as bibliotecas e o acceso público ao coñecemento. Non podemos confiar todo á rede, e falo tamén das nosas relacións persoais”, di.

Abel Caballero e a política-espectáculo

Un dos artigos máis rechamantes é un publicado o 2 de novembro de 2006 que leva por título “Abel, candidato a desmemoria”. Daquelas, o agora alcalde de Vigo e mandatario máis mediático do Estado, Abel Caballero, era presidente da Autoridade Portuaria de Vigo e candidato á alcaldía. Nun evento sobre memoria histórica, Caballero obrigou a retirar unha bandeira republicana e os asistentes responderon con asubíos e apupos. Fran P. Lorenzo escribe: “No Porto faise o que di Abel. Non quero pensar nun día no que a cidade fose súa. (…) Se amosa tal talante autoritario e despótico nunha reunión amigábel na que, obviamente, non é o protagonista, non o querería ver presidindo un pleno municipal”. Disto ben saben algúns compañeiros. Preguntado polas súas dotes de adiviño, Lorenzo di: “Non é que eu sexa un visionario, senón que aquel episodio despótico non auguraba nada bo. Son actitudes que teñen que ver co desprezo ao público. En política o personaxe pode ser importante, pero o verdadeiramente relevante é o modelo de cidade, e é aí onde eu estou en completo desacordo coa política-espectáculo que sustenta iso“.

Peche por censura divina

Os recompilatorios de columnas non adoitan ter un final marcado, salvo neste caso. O 14 de outubro de 2010 Fran publicaba un texto moi crítico coa visita a Compostela do papa Bieito XVI e as súas “teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos”. Unha visita, por suposto, pagada con cartos públicos: “Non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sen consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade a invasión de hordas católicas”, escribiu. Este texto provocou que o Arcebispado de Santiago emitise un comunicado que, á súa vez, alentou a outros colectivos ultracatólicos e conservadores a pedir a cabeza do xornalista vigués. Galicia Hoxe, lonxe de defender ao seu traballador (Fran dubida da veracidade das cartas ao director publicadas polo xornal), aproveitou para librarse dun plumiña incómodo e, sobre todo, moi crítico coas políticas da Xunta de Galicia, principal sustento económico do medio: “O tema do papa foi unha escusa para botarme, pero naquel momento non fun quen de velo. Este libro serviume para pechar unha etapa e poñer as cousas en claro. Non estamos libres de que este tipo de situacións volvan acontecer na actualidade”, advirte.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.