Fraguas coa forza das mareiras
Polas Letras Galegas deste ano, Antón Fraguas toma vida da man do pincel de María Eiras, artista que ten o debuxo como unha necesidade e que retratou a Fraguas grazas á liña e case sen levantar o bolígrafo do papel, terminado cunha mancha de tinta que ela mesma realiza a partir de bugallas de carballo, tal e como facían artistas como Miguel Anxo no Renacemento.
Nun determinado momento, María decide dar un xiro á súa carreira e estudar o que sempre foi a súa paixón: a arte, fundando en 2011 Mareiras Espacio de Arte (mareiras.com), un lugar no que compaxina o seu traballo como artista coa docencia e co desenvolvemento de actividades culturais. Mareiras nace cando uns amigos lle encargan a que sería a súa primeira obra, e a artistavese obrigada a asinala. Así, baixo un xogo de palabras co seu nome e apelido aparecen as mareiras, movementos impetuosos do mar. Marusías que marcarán o lugar de intercambio de ideas no que se converterá este espazo de arte afincado en Santiago de Compostela.
Desde 2018, María centrouse no traballo sobre o xénero e comezou a debuxar todas as homenaxeadas nos Días das Letras Galegas: desde Rosalía de Castro ata María Victoria Moreno. Así xurdiu As nosas letras de Muller a Muller, un libro no que se reproduce por vez primeira este retrato de Antón Fraguas Fraguas e que se acompaña cos fermosos textos de Ánxela Lema. Por que tivo cabida o homenaxeado deste ano nun libro sobre mulleres? O destino fixo que Fraguas fose paisano da artista, ademais do seu profesor durante o instituto. Esta reminiscencia da infancia, xunto coas vinculacións con Compostela, fixeron que María decidise que el tamén debía estar no libro, porque, máis aló de querer poñer en valor as mulleres, este proxecto naceu co interese de dar a coñecer membros relevantes da nosa cultura.
Agora, cando o retrato de Antón Fraguas xa leva un ano descansando entre as páxinas deste libro sobre mulleres, cobra aínda máis sentido converténdose no símbolo por excelencia deste 17 de maio.
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de maio de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024