Feita e Riquiña, brunch e tapas a un paso da praia
Moi perto da praia de Canido, atopamos esta finca na que tanto podemos desfrutar dun gorentoso brunch como dun petisco despois dunha xornada de sol e mar.
Detrás do mostrador de Feita e Riquiña están Eva e María, dúas amigas da infancia que decidiron embarcarse neste proxecto inaugurado no recente mes de abril. Se as visitamos en horario matutino, ofrécennos a posibilidade de almorzar con algún dos seus doces caseiros ou tomar un brunch. As hostaleiras dannos a escoller entre croissant, gofre e panqueiques, se nos decantamos pola opción doce, ou unha torrada de tomate, rúcula e xamón ibérico, se preferimos algo salgado. Os dous menús veñen acompañados con zume e unha bebida quente.
A carta reconvértese se visitamos Feita e Riquiña durante o serán, ofrecendo unha boa variedade de bocadillos, hamburguesas e tostas, sempre cun toque da casa, como o bocadillo de xarrete de tenreira ao Mencía en pan de brioche ou a tosta de lombo de porco, queixo de Brie e marmelada de pemento. Para completar a experiencia, este dúo de amigas e compañeiras programan concertos e monólogos para despedir o día desde a terraza, e vermús con música en directo e actividades dirixidas á cativada para gozar das mañás solleiras.
Estrada da Igrexa Roteas, 4 | @feitaeriquina
Luns: pechado
Martes: 10:00 a 13:30
Mércores: 10:00 a 13:30e 19:30 a 00:00
Xoves a domingo: 10:00 a 14:30 + 19:30 a 01:00
Brunch de martes a domingo de 10:00 a 13:00
*O local ofrece un parking de uso exclusivo para clientes situado a 200 metros da entrada.